Será impartida por Eduardo Moledo, xefe do servizo de Protección Civil
O salón de plenos do Concello de Noia acollerá mañá venres 15 de marzo, ás 20:30 horas, unha reunión aberta á veciñanza para presentar a nova campaña municipal para loitar contra a avespa velutina. Unha charla que será impartida polo xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, quen estará acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri. A entrada é totalmente libre e de balde.
Durante o encontro repartiranse novas trampas, así como atraentes para as preto de 250 trampas entregadas entre a veciñanza de Noia durante 2018. Así mesmo, Eduardo Moledo informará aos veciños e veciñas sobre como loitar contra esta especie invasora, especialmente nestas datas nas que as novas raíñas están a piques de conformar os seus niños primarios.
As trampas son do modelo “Vespa Catch”, doadas de colocar e de cor amarela, que atrae moito ás avespas. Durante a charla explicarase como e onde colocar as trampas, cun gancho que trae a propia “Vespa Catch”, e como elaborar o líquido para atraer ás velutinas: 200 cl de auga, 50 gramos de azucre e 10 ml de atraente, que se repartirá entre os presentes.