A iniciativa comprende unha viaxe a Alacante entre os días 1 e 8 de xullo e está dirixida á mocidade nada entre 2001 e 2004
O Concello de Boqueixón abre mañá o prazo de inscrición para o Campamento Recreando, unha proposta incluída dentro da Acción D’Verán 2019. Esta iniciativa diríxese á mocidade nada entre os anos 2001 e 2004, con preferencia para as persoas empadroadas no municipio boqueixanés.
O Campamento Recreando comprende a estancia entre os días 1 e 8 de xullo no Albergue La Florida, en Alacante. Ademais, desenvolveranse distinto tipo de actividades –visitas guiadas a puntos de interese turístico e unha xornada no parque de atraccións Terra Mítica, entre outras- nun completo programa pensado para que a experiencia das persoas participantes sexa inesquecible. O prezo do Campamento Recreando é de 165 € e non inclúe voo nin entradas ao parque de atraccións.
As persoas interesadas en participar deberán presentar as súas solicitudes no Departamento de Xuventude do Concello de Boqueixón antes do 29 de marzo. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. O formulario de solicitude pódese descargar na páxina web municipal (www.boqueixon.com).