Saturday 23 de November de 2024

Un total de 24 empresas participarán na Feira do Comercio de Noia, que se celebrará esta fin de semana no polideportivo ‘Agustín Mourís’


 

A concelleira Mariola López felicitou a Noia Histórica polo Accésit Honorífico no Premio Nacional de Comercio

O pavillón polideportivo Agustín Mourís acollerá dende este venres 15 ata o domingo 17 de marzo unha nova edición da Feira do Comercio de Noia. A cita foi presentada esta mañá na sé de Noia Histórica e contou coa presenza do presidente da asociación empresarial, Francisco Pérez, e da concelleira de Comercio, Mariola López.

“A Feira do Comercio de Noia manterá a estrutura de praza central, como o ano pasado, xa que resultou do agrado das empresas participantes”, explicou Pérez, quen engadiu que “nesta edición contaremos con algún participante máis, sendo un total de 24 expositores”. Entre os artigos que se porán á venda a prezos de saldo atoparanse, principalmente, roupa e complementos, moda infantil e deportes.

A entrada será libre “e ofrecerase un amplo horario para facilitar a asistencia”, afirmou o presidente de Noia Histórica, entidade encargada de organizar esta cita. Máis concretamente, a Feira do Comercio abrirá o venres as súas portas entre as 17.00 e as 21.30 horas, mentres que o sábado poderase asistir entre as 10.30 a 21.30 horas e o domingo, de 10.30 a 21.00 horas. Do mesmo xeito, “contaremos con servizo de ludoteca e animación para a cativada e cun servizo de cafetería”.

Definida como unha das iniciativas pioneiras a nivel galego a prol da dinamización do comercio, a Feira do Comercio de Noia celébrase dende o 2006. A concelleira de Comercio noiesa gabou este tipo de propostas e animou “á veciñanza e as persoas da contorna a achegarse esta fin de semana a Noia”.

Ademais, Mariola López aproveitou a ocasión para felicitar a Noia Histórica polo Accésit Honorífico obtivo no Premio Nacional de Comercio. “É un recoñecemento ao labor ben feito durante todos estes anos”, asegurou. Sobre esta cuestión, Francisco Pérez explicou que “unha delegación de Noia Histórica e do propio Concello desprazarase a Madrid o vindeiro 21 de marzo para participar na entrega deste recoñecemento que, agardamos, sirva de exemplo e de ánimo para seguir a traballar nesta liña no futuro”.