Hai escasos días pechou o prazo de solicitude das liñas de axuda da AGADER para a reparación de pistas de titulariedade municipal. Trátase dun programa autonómico que se distribúe seguindo, entre outros criterios, a superficie dos concellos ou a súa dispersión poboacional. San Sadurniño dispón para este ano dun total de 64.070 euros e por iso preparou un paquete de obras axustado a ese importe, ao que cómpre engadirlle posteriormente o custe do ive, asumido polo Concello. A documentación rexistrada na axencia pública recolle os proxectos para amañar algo máis de 5 quilómetros de pistas en Bardaos, San Sadurniño e Naraío, que se veñen sumar aos case 14 quilómetros xa incluídos para este ano nos distintos programas provinciais.
No caso de Bardaos repararase o tramo que vai desde As Loibas até o Carbeiral, que cobre unha distancia de 1.100 metros. En San Sadurniño tocaralle á pista que enlaza A Pena co Albeiro -2.170 metros- e, por último, en Naraío, pavimentarase o coñecido como “camiño vello” que sobe desde o Cerdeirido até Lourido pola Augaquente e Neirós, cunha distancia de 1.905 metros.
En todos os casos trátase de reparacións solicitadas pola veciñanza e que presentan numerosas fochancas producidas polo tráfico pesado que soportan, principalmente maquinaria e transporte relacionado coa extracción de madeira.
Tal e como apunta a normativa da AGADER, nos tramos subvencionados non poden facerse simples rebacheos, senón que deben repararse por completo. Así, a solución proposta no proxecto de obra contempla limpar previamente a superficie e as cunetas para despois sanear os buratos e irregularidades detectadas. Finalmente botarase unha dobre rega asfáltica con gravilla que, naqueles puntos que o precisen, será triple.
O importe total das obras -co ive incluído- ascende a 77.524,28€ que o Concello agarda poder contratar en breve. En calquera caso, antes do comezo dos traballos, a AGADER verificará que as pistas cumpren coas condicións para seren subvencionables e tamén que nelas non se acometese ningunha reparación recente.
As tres vías incluídas no Plan de camiños suman cerca de 5,2 Km., cun ancho medio aproximado de 3.5 metros. Veñen engadirse a outros sete proxectos que se financiarán dentro dos programas provinciais POS+, PAI e POS Complementario, que prevén intervir noutras 15 pistas -14 quilómetros en total- distribuídas por todas as parroquias. A suma dos proxectos supón un importe de licitación global de 411.000 euros.
Cómpre lembrar ademais que nestes días tamén comezarán obras que quedaran pendentes do POS+ Adicional de 2017 por incumprimento de contrato da empresa á que se lle adxudicaran inicialmente. Trátase do aglomerado entre A Fraga e A Penalonga, entre Ferreira e Igrexafeita, e as reparacións en Cabanela, A Fraga, Sabanda -Santa Mariña do Monte- das que se encargará por cerca de 53.000 euros a contratista ASFALGAL Técnicas Viarias. Os dous proxectos suman 3 quilómetros e medio de pistas municipais.