O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 1 de abril
O Concello de Lousame saca a licitación as obras de substitución da cuberta do polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” por un orzamento base de 92.657,82 euros. Un contrato aprobado pola Xunta de Goberno Local e que foi publicada onte luns na Plataforma de Contratación do Sector Público. As empresas interesadas en participar no procedemento de licitación, aberto simplificado, teñen ata o 1 de abril para presentar as súas ofertas.
As obras a acometer no polideportivo municipal da Silva abarcan o levantado das chapas da cuberta, dos paneis traslúcidos, canalóns e remates para substituílos por unha cuberta de paneis sándwich illantes de aceiro, de 80 mm de espesor e 1.150 mm de ancho, con acabado inferior microperforado con parafusería de aceiro inoxidable, combinado con pranchas de policarbonato celular de 16 mm de espesor. Tamén se colocarán canalóns cadrados de aluminio lacado, con baixantes das mesmas características, para evacuar as augas pluviais.
Ademais, aproveitaranse as obras para revisar, limpar e tratar a estrutura metálica cun tratamento de protección para elementos de aceiro. Un tratamento anticorrosivo que se aplicará aproveitando que a estrutura metálica quedará á vista unha vez retirada a cuberta actual.
Con estas actuacións, o Concello de Lousame garantirá a estanqueidade da instalación, mellorará o confort térmico interior e logrará unha mellor acústica na instalación, ao mellorar o comportamento da cuberta ao ruído. As obras, que respectarán o aspecto estético e funcional da cuberta orixinal, teñen un prazo máximo de execución de 1 mes.