Friday 22 de November de 2024

Comezan as obras de acondicionamento da planta inferior do edificio multiúsos de Frades


As obras, adxudicadas por 57.637 euros a Grumar Tradin SL, permitirán instalar unha biblioteca, un aula de informática e unha aula multiúsos

O Concello de Frades vén de iniciar as obras de acondicionamento da planta inferior do edificio multiúsos de Frades, adxudicadas á empresa Grumar Tradin SL por 57.637,35 euros e que se prevé que estean rematadas o vindeiro mes de abril. Ata entón, o museo de apeiros tradicionais de Frades permanecerá pechado, xa que as obras inclúen o seu traslado á planta superior e o acondicionamento do espazo actual do museo para albergar unha biblioteca, un aula de informática e un aula multiúsos.

O edificio multiúsos de Frades é unha edificación que consta de dúas plantas. A primeira planta ten forma de “L”, mentres que a primeira é rectangular, sobre un dos lados da “L” da planta baixa. Na actualidade a planta superior non ten uso ningún, mentres que a planta baixa consta de dúas zonas diferenciadas: dúas aulas de usos múltiples no lateral esquerdo e o museo de apeiros tradicionais de Frades no lateral dereito.

As obras permitirán trasladar o museo á planta alta do inmoble, mentres que na planta baixa se instalaría a aula municipal de informática, actualmente emprazada na terceira planta da Casa Consistorial e que presenta problemas tanto de tamaño como de accesibilidade, xa que non dispón de ascensor. Ademais, o seu traslado ao multiúsos permitirá tamén ampliar o seu horario.

Así mesmo, construirase outra aula para cursos formativos de entre 15 e 25 persoas, liberando así a outra parte do multiúsos para acoller charlas ou reunións con maior afluencia de xente, xa que as dúas aulas poden converterse nunha gran sala con capacidade para ata 100 persoas.

As obras están financiadas cunha achega de 40.000 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e con outros 17.637,35 euros achegados polo Concello de Frades. O Concello de Frades agarda que os traballos estean rematados durante o vindeiro mes de abril para que a biblioteca poida entrar en funcionamento co gallo da conmemoración do Día Internacional do Libro.