Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reedita os convenios coa Casa do Mel, a AGFA do Eume e A Cortiña


 

O venres a última hora da mañá suscribíronse na casa consistorial os acordos de colaboración entre o Concello de San Sadurniño e as tres asociacións que traballan no ámbito da apicultura, a fructicultura e da dinamización do sector primario. Son tres: a Casa do Mel de Goente, a AGFA do Eume e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, que reeditan desta maneira os convenios que se veñen mantendo nos últimos anos tanto no seu cometido como nas contías asignadas, que ascenden no seu conxunto a 6.200 €. Así, a Casa do Mel percibirá 1.500€, mentres que a Asociación Agroecolóxica A Cortiña contará cunha axuda fixa de 1.200 para o desenvolvemento de accións formativas. O convenio de maior importe -3.500€- volve ser o da Asociación Galega da Froita autóctona, encargada da xestión da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos.

Tal e como establece o convenio, a AGFA asume o compromiso de continuar enriquecendo a plantación situada na Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que fallen. Ademais tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural, a encomenda de planificar as visitas ao recinto -se é posible coordinándoas coa Casa do Mel- e a realización dunhas xornadas sobre alimentación saudable dirixidas ao alumnado do CPI. Por último, a entidade terá que asumir o mantemento íntegro da horta e organizar alomenos un curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura que ha de ser gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño.

O convenio coa Casa do Mel de Goente tamén delega nesta asociación o mantemento das colmeas situadas ao pé da plantación de froiteiras. Deberán repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar. O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á realización de dúas visitas guiadas por dirixidas ao alumnado do CPI -parte do mel recollido destinarase precisamente ás visitas escolares- e á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural. A asociación tamén deberá desenvolver un curso apícola dun mínimo de 20 horas de duración e, igual que no caso da AGFA, de balde para xente empadroada no concello.

Por outra banda, segundo se reflicte no convenio, a Casa do Mel asumirá a retirada de niños de avespa velutina naqueles lugares que se determinen entre as partes, e que sexan considerados un perigo para as persoas por mor da proximidade a vivendas ou espazos públicos.

O obxecto do último dos acordos rubricados o venres -o correspondente á Asociación Agroecolóxica A Cortiña- é crear un marco estable de colaboración entre o Concello de San Sadurniño e esta entidade “co fin de afianzar a dinamización socioeconómica do medio rural dende unha perspectiva ecolóxica e de sustentabilidade social, económica e ambiental”, tal e como aparece recollido na cláusula primeira do documento.

Entre as actuacións conveniadas por valor de 1.200€ están a organización de charlas técnicas, cursos e conferencias; a edición de material gráfico para a difusión da agroecoloxía e a cooperación con entidades públicas e privadas neste ámbito, xa sexa para facer intercambio de experiencias ou para realizar visitas de interese a lugares de referenza na produción agrogandeira ou na transformación de alimentos.

Ademais de Manolo Varela tamén estamparon a firma en cadanseu convenio José Antonio Bellas por parte da AGFA, Manuel Ferreira en representación da Casa do Mel de Goente e Xosé María García como presidente da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. Os tres convenios asinados inclúen entre as súas cláusulas que o 75% da cantidade asignada se librará xusto despois da entrada en vigor do acordo e o outro 25% cara a finais de ano, cando se presenten as facturas xustificativas dos gastos.

Carta sobre a situación da praga da pataca
En relación co sector primario, o Concello acaba de remitirlle á Xunta de Galicia unha carta solicitándolle información puntual sobre o a situación da loita contra a praga da pataca, tanto e en San Sadurniño coma no resto dos municipios afetados.

O DOG do pasado 6 de marzo publicou o mantemento das zonas de prohibición e tamén das zonas tampón -Moeche, Cerdido, Cedeira e As Somozas-, onde si se pode plantar con supervisión oficial. De feito, as persoas que poñan pataca en calquera destes catro concellos deberán comunicalo antes do 31 de maio.

Na carta enviada polo Concello de San Sadurniño a Medio Rural demándase información sobre a evolución das capturas de couza desde o comezo do operativo de control. Tamén se pregunta se a día de hoxe seguen aparecendo exemplares nas trampas colocadas e, de ser así, que a Xunta especifique que cantidade e en que municipios se produciron as capturas.

Por último, o Concello expón a cuestión sobre o número de expedientes abertos por incumprimento da prohibición de plantar e solicita un pronunciamento oficial de Medio Rural sobre as previsións en canto á evolución da praga e, principalmente, sobre o levantamento das restricións. Cómpre ter en conta de que a propia normativa establece que a peste se considerará erradicada cando non se constate a súa presenza durante alomenos dous anos consecutivos.