Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Frades aproba por unanimidade iniciar o expediente de distinción e honras a Manuel Cortiñas Pontón


 

Mestre na parroquia de Gafoi entre os anos 50 e 70, a súa candidatura foi presentada por un grupo de ex alumnos

O pleno municipal de Frades acordou por unanimidade iniciar o expediente de distinción e honras a Manuel Cortiñas Pontón, nacido en Santiago pero que foi mestre durante máis de 25 anos na parroquia de Gafoi. Un expediente que será dirixido polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, e para cuxa aprobación é preciso cambiar a ordenanza de honras e distincións do Concello de Frades do ano 2009, algo que se aprobou previamente na mesma sesión plenaria.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “a iniciativa xurde dun grupo de veciños e veciñas de Gafoi, encabezados por Antonio Espiñeira, que presentaron un escrito con 36 firmas de veciños e veciñas de Gafoi e de Ledoira para que o Concello de Frades lle faga un recoñecemento a Manuel Cortiñas Pontón, mestre da parroquia durante os anos 50, 60 e 70 do século pasado. Ademais, solicitan expresamente que ese recoñecemento sexa en forma de monolito ou de darlle o seu nome a unha rúa de Ponte Carreira”.

O problema é que, de acordo coa actual ordenanza de honras e distincións do Concello de Frades, sería imposible dar satisfacción a esta petición xa que dita ordenanza, datada de 2009, só contempla como distincións os títulos de fillo predilecto e fillo adoptivo, así como a concesión da Medalla do Concello de Frades. Por esa razón, o grupo de Goberno levou ao pleno unha modificación desta ordenanza que si contempla esas dúas posibilidades. Unha proposta que foi aprobada por unanimidade no Pleno.

Roberto Rey explicou que “mentres se tramita a modificación, aproveitaremos para iniciar o expediente pertinente para confirmar que esta persoa é merecedor desta honra. Un expediente que se volverá a traer a pleno en canto estea rematado”. O alcalde ofreceu a posibilidade de que algún concelleiro/a da corporación incoara este expediente e, ante a negativa das persoas presente, derivou a responsabilidade no concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro. “Se resulta merecedor desta distinción, a opción que barallamos é a de instalar un monolito cunha placa co nome de Manuel Cortiñas Pontón no lugar onde estaba a escola na que impartiu clases”, adiantou o alcalde.

Pacto polo Clima

O resto da sesión tamén foi resolta por unanimidade. Así, aprobáronse dúas modificacións no texto das ordenanzas do IAE e do imposto do vehículo de tracción mecánica a petición da Deputación da Coruña, así como unha declaración institucional co gallo do Día Internacional da Muller. A concelleira da Muller, Ángeles Carro, deu lectura á declaración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para o 8 de marzo.

Finalmente, o pleno tamén aprobou a adhesión do Concello de Frades ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, unha iniciativa presentada pola Unión Europea e que en Galicia lidera a Xunta, que ofrecerá asesoramento e axudas aos municipios que se sumen á iniciativa. No caso das obrigas, o Concello de Frades deberá ter feito no prazo de dous anos un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible que recolla os puntos fortes e febles no municipio en materia de aforro enerxético e loita contra o cambio climático.