Saturday 16 de November de 2024

O alumnado do CPI Ponte Carreira (Frades) únese á campaña a prol da igualdade de xénero do CIM da Mancomunidade de Ordes


 

O alumnado do CPI Ponte Carreira (Frades) uniuse á iniciativa promovida polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes para conmemorar o Día Internacional da Muller. Así, toda a rapazada se concentrou no patio amosando cartolinas de cor lila e con forma de bocadillo de cómic nas que se recollían mensaxes a prol da igualdade e de rexeitamento da desigualdade entre homes e mulleres, nas que estiveron traballando nas clases durante a última semana. Un acto ao que asistiu o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa.

Onte xoves, o salón de actos do centro escolar fradense acollera a representación da obra teatral “Non sabes quen es”, da compañía Duende Sico, para fomentar o uso do galego e a educación en valores entre o alumnado de primaria e secundaria. A maiores, o Concello de Frades deu lectura a un manifesto contra a violencia de xénero, achegado pola Federación Española de Municipios e Provincias, mentres que os traballadores e traballadoras municipais acudiron ao traballo con camisetas coa lenda: “Se nós paramos, para o mundo”.