Unha trintena de veciñas e veciños de Brión participaron este mediodía nunha concentración no exterior do centro social polivalente para conmemorar o Día Internacional da Muller. Un acto que tivo lugar en torno á figueira que no 2018 se converteu no símbolo da iniciativa “Mulleres medrando como árbores”.
Se no 2018 se soterraron coas súas raíces as mensaxes de apoio ás mulleres recollidas da veciñanza, esta mañá volvéronse a colocar novas mensaxes que reivindican o dereito das mulleres a medar fortes, autónomas, libres e sen medo. No acto participou o alcalde de Brión, José Luís García, quen destacou a importancia de días de reivindicación como o de hoxe “para reclamar que isto cambie. Ás veces falas coa xuventude e parece que son vellos de verdade pero penso que pouco a pouco ímolo conseguir, coa axuda de todos e todas”.
Así mesmo, destacou o traballo levado a cabo dende Servizos Sociais e esta iniciativa “Mulleres medrando como árbores”, onde a figueira “representa un pouco a situación, é unha árbore que aguanta, que é dura , que é produtiva e que hoxe recolle os desexos de todas e todos nós”.
Ao rematar o acto, gran parte das traballadoras do Concello de Brión sumáronse á convocatoria de folga realizada polas forzas sindicais para dar visibilidade ao traballo das mulleres, acabar coa discriminación de sexo e avogar pola igualdade en todos os ámbitos, especialmente no laboral.