O Concello de San Sadurniño desenvolveu esta mañá varios actos simbólicos con motivo do 8M, Día Internacional da Muller e xornada de folga que deixou baixo mínimos as oficinas da Administración local. Sobre as 11 da mañá leuse o manifesto institucional aprobado por unanimidade de BNG, PP e PSOE no pleno do sábado pasado. Porén, minutos antes izouse a bandeira feminista no exterior do pazo municipal e tamén se penduraron mandís e cinguidoiros diante da Escola Infantil Municipal. O centro sumouse tamén á reivindicación colgando nas fiestras mandís de plástico feitos pola rapazada e as súas mestras. Por outra banda, no marco das estreas audiovisuais do Chanfaina Lab, hoxe tamén se publicou en youtube o videoclip de The Sungirls “Non teño dono”, no que participaron máis dun cento de mulleres de San Sadurniño e do resto da comarca.
MANIFESTO INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE SAN SADURNIÑO
O pasado 8 de marzo de 2018 tivo lugar unha mobilización sen precedentes de mulleres secundando unha convocatoria internacional de paros e mobilizacións. O obxectivo fundamental era denunciar a vixencia da desigualdade manifestada en múltiples aspectos. Desde a fenda salarial que en Galiza é do 21,56% e os problemas laborais das mulleres con maior temporalidade, xornadas parciais e precariedade, a falsa conciliación sen servizos públicos que asuman os traballos de coidados que continúan a recaer, de maneira moi maioritaria, nas mulleres e que, por tanto, ven minguadas as posibilidades de desenvolvemento profesional, ou a situación de violencia que padecen as mulleres tanto por acoso, violacións e abusos como pola cantidade de feminicidios que se continúan a producir. Só no 2018 foron asasinadas en Galiza tres mulleres.
A mobilización, que desbordou todas as previsións existentes ao respecto, foi precedida dunha manifestación nacional o domingo 4 de marzo, unha convocatoria tamén histórica e impulsada polo feminismo galego. Foron moitas as persoas que participaron nas diferentes concentracións e na Galiza observamos como, proporcionalmente, a mobilización foi maior que no resto do Estado, e proba diso foi a grande manifestación que puidemos ver en Ferrol. Esta altísima participación tivo repercusión en todas as cidades e moitas vilas galegas e dá conta de que as mulleres estamos fartas de aturar esta situación desigualdade e violencia e que somos conscientes do retroceso enorme que estamos a padecer en xeral e, no caso galego, en particular, nomeadamente con índices que inciden nunha dupla discriminación, como mulleres e como galegas.
Os acontecementos e debates arredor deste histórico 8 de marzo sitúan un desafío político de primeira orde ao servizo do que tiñamos que poñer os nosos instrumentos e capacidades, tamén desde os poderes públicos. Continúan vixentes os motivos que levaron a milleiros de galegas ás rúas hai un ano e é máis, engádense novos retos. Vivimos neste momento unha ofensiva reaccionaria e patriarcal impulsada pola dereita que ten entre outras ameazas o intento de cuestionar a violencia machista, retrotraela ao ámbito do fogar e romper os consensos aos que se tiña chegado cando nin sequera se cumpre co marco legal. Unha ofensiva que tamén afecta aos nosos corpos e a decisión sobre eles, impulsando os ventres de aluguer ou o recorte en dereitos reprodutivos e sexuais como política de fomento da natalidade, situando as mulleres como mercadoría e como obxecto.
A ofensiva patriarcal do momento esixe unha resposta máis contundente. É innegábel que despois dunha época de expansión dos dereitos das mulleres e do avance da igualdade estamos a vivir unha forte ofensiva patriarcal de grande complexidade. Aí están, por exemplo, as barrigas de aluguer, a custodia compartida imposta ou a restrición do dereito ao aborto nun contexto no que mentres a violencia machista continúa asasinando mulleres o tan aplaudido Pacto de Estado contra a violencia machista non trouxo un impulso de mudanzas lexislativas e de compromisos orzamentarios suficientes, nin tampouco o goberno galego é permeábel a comprometerse con saltos cualitativos neste aspecto que supoñan cumprir e desenvolver o sinalado na aínda hoxe pioneira lei galega de 2007.
Hoxe o movemento feminista galego desde o espazo colectivo Galegas 8M traballa no impulso dunha manifestación nacional o vindeiro 3 de marzo en Lugo e nas mobilizacións do propio 8 de marzo, data na que existe xa a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres de 24 horas rexistrada polo sindicato maioritario de Galiza, a Confederación Intersindical Galega.
Porén, as mulleres da Galiza non imos permitir nin un só paso atrás e desde a Corporación municipal do Concello de San Sadurniño chamamos a sumar a prol das súas iniciativas, polo cal manifestamos o noso recoñecemento e apoio a Galegas 8M e á convocatoria de manifestación nacional do día 3 de marzo e de folga de mulleres do 8 marzo de 2019 e manifestamos o noso compromiso contra as ameazas de retrocesos en materia de dereitos, de forma especial canto a violencia machista, o dereito ao aborto e a permisividade ou legalización dos ventres de aluguer e tamén imos seguir traballando, levando a cabo as actuacións recollidas no III PI0MH e poñendo a disposición todos os recursos precisos que contribúan a acadar a tan reclamada igualdade de dereitos entre mulleres e homes nos diferentes ámbitos da sociedade.
E como dicía Rosalía de Castro: “Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”