Cea de mulleres da AVV de Labacengos
Casa Pena, venres 8 ás 21.30h.
A asociación veciñal de Labacengos súmase á celebración do Día Internacional da Muller organizando unha cea en feminino aberta a socias e non socias da entidade e incluso a mulleres doutros concellos. O encontro -para o que era necesaria inscrición previa- terá lugar este venres 8 de marzo a partir das 21.30h. en Casa Pena. Xunto coa cea e a parola, durante a noite tamén haberá varios sorteos.
Fotografía “Moeche, futuro en feminino 2019”
Nave do Mercado, sábado 9 ás 11.00h.
Concello logrou xuntar o ano pasado por estas datas a máis dun cento de mulleres para unha foto que fose testemuño dun retrato en feminino do Moeche de 2018. Pois ben, este ano queremos dedicarlle unha foto ás xeracións do mañá, e para iso desde a Administración local lanzouse un convite para que as nenas e mozas menores de idade sexan protagonistas da instantánea “Moeche, futuro en feminino”.
A fotografía tomarase na parte dianteira da nave do mercado ás 11.00 horas do sábado. Posteriormente farase unha impresión en grande formato que acompañe nun lugar preeminente da casa consistorial á imaxe captada o ano pasado. Agárdase a asistencia dunhas 50 pequenas e adolescentes.
Obradoiro: Tempo de mulleres, por ti mesma
Local social de Abade, venres 22 e 29 de marzo e 5 e 12 de abril, de 17.30 a 19.30h.
¿Canto tempo te dedicas a ti mesma? Es de esas mulleres que poden con todo, que nunca teñen tempo, andas cansa e sen folgos, ou sacas forzas de onde non as hai, coidas doutras persoas, traballas, canto tempo dedicas a pensar no que ti precisas e en como ti te sentes?. Se cumpres tan só unha destas condición este espazo é para ti.
Coida de ti, porque se ti non te coidas, non poderás coidar. Coida de ti, porque a saúde non te pode fallar. Coidarás de ti, mereces parar, respirar e ollarte a ti mesma. Non te esquezas de ti, pensar en ti é tamén pensar nos teus.
A actividade Tempo de mulleres é un obradoiro que impartirá Laura Balado para poñer en valor cada persoa e traballar as relacións, -o autocoñecemento e a valoración persoal- a través de actividades tanto individuais como grupais. O papel da muller vai marcado durante anos, polo peso e a responsabilidade de pensar máis no outro que en si mesmas; é algo que xeración tras xeración se herda e se aprende. Nesta actividade procúrase atopar recursos para reenfocar a vida dun xeito máis saudable e acadar habilidades para terse en conta e valorar a importancia da confianza en si mesma e o auto-coidado.
As inscricións hai que facelas a través de correo@moeche.gal ou presencialmente no departamento de Benestar Social ou no teléfono 981 404 006. A actividade é gratuíta e as prazas limitadas. Os obradoiros repítense os venres 29 de marzo e 5 e 12 de abril.