Friday 22 de November de 2024

Máis dun centenar de asistentes participan nos I Encontros Gandeiros, no Concello de Ordes


Abordáronse temas relacionados coa produción leiteira, o gando bovino ou a bioseguridade nas granxas, entre outros. Patricia Ulloa foi a encargada de pechar o acto, que incluíu unha mesa redonda con profesionais do sector
O Concello de Ordes continúa a ser un dos epicentros de xornadas, plans formativos e encontros do sector gandeiro. Así se puxo de manifesto no día de hoxe grazas aos I Encontros Gandeiros organizados polas Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) de Frades e Mesía, e nos que colaboraron ambos os dous concellos conxuntamente co de Ordes e a Xunta de Galicia. A eles hai que engadir máis dunha ducia de empresas e firmas comerciais do sector a modo de patrocinadores e colaboradores.
A xornada contou con máis dun cento de asistentes. Arrancou cunha charla sobre gando bovino e os apoios que recibe da administración, por parte de Jorge Mourelo, subdirector xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural. De seguido abordouse o tema da bioseguridade nas granxas en relación coa produción leiteira, a cargo do técnico de laboratorios Hipra Iván Mato. A continuación o profesor de Economía Agraria da USC Francisco Sineiro falou da produción de leite sen cotas. Para concluír a quenda de charlas organizouse unha mesa redonda con todos os conferenciantes, aos que se sumaron as presidentas da ADSG de Mesía e Frades, Pilar Bello e Natividad López, respectivamente.
Tras a clausura, da que se encargou Patricia Ulloa, directora xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, tivo lugar unha comida de traballo nun restaurante da zona á que acudiron todos os asistentes.