Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño abre o prazo de solicitude das subvencións para Cultura e Deportes


A partida para as dúas liñas competitivas medra en 4.000 euros con respecto a 2018

Desde este venres 8 de marzo e ata o 23 de abril -ambos incluídos- permanecerá aberto o prazo para que as entidades asociativas e clubes deportivos do municipio presenten as solicitudes de subvención de cara a financiar as actividades que desenvolvan ao longo deste ano. A partida total das axudas ascende a 30.000 euros -4.000 máis que o ano pasado-, dos que 24.000 van para asociacións veciñais, culturais e comisións de festas e os 6.000 restantes para os clubes deportivos sen convenio nominativo. As bases sofren pequenas modificacións con respecto á convocatoria de 2018. As máis importantes son o aumento a 5.000 euros do tope máximo de subvención cultural, a obriga en ambas liñas de xustificar alomenos o 50% da contía concedida para poder percibir axuda -coa correspondente minoración se non se cumpre o programa subvencionado- e tamén a da ampliación até o 30 de decembro do prazo para presentar a documentación xustificativa.

Para actividades culturais das asociacións reserváronse un total de 24.000 euros, distribuídos á súa vez en tres capítulos: 19.000 euros para programación cultural propiamente dita co tope máximo de 5.000 euros de axuda, 2.000 euros para colaborar co mantemento de infraestruturas das entidades que non dispoñen dun local municipal e 3.000 euros para repartir coas comisións de festas, cun límite de 300 euros para cada solicitude. Estas últimas poderán presentar a solicitude de axuda en calquera momento do ano, aínda que sempre con antelación á celebración da festa para a que pidan a axuda.

As asociacións veciñais terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que despois serán avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. Con respecto ao que se puntuará non hai cambios: ata 2 puntos polo interese xeral da actividade e a súa repercusión social, 1 punto pola contribución á normalización do galego, 0,50 puntos polo fomento de valores como a solidariedade ou o respecto á natureza, ata 0,50 puntos polo grao de innovación das propostas, un máximo de 3 puntos dependendo do orzamento que se presente, ata 1,5 puntos por accións de recuperación do patrimonio material ou inmaterial, 0,50 puntos pola promoción da participación da mocidade, ata 1,5 puntos por desenvolver actividades que potencien a igualdade entre mulleres e homes, ata 1 punto pola estabilidade e solvencia organizativa demostrada pola entidade, outro punto como máximo pola busca de patrocinios públicos e privados cos que financiar as actividades e, por último, 3 puntos susceptibles de ser asignados en casos onde as actividades non se axusten aos anteriores criterios.

A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de decembro -amplíase un mes con respecto a 2018-, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data.

Trala resolución da concesión de axudas -e despois de executar as actividades-, as asociacións terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida -xunto coa suma das axudas que puidese recibir doutras administracións ou entidades- máis o 20% do importe total dos conceptos admitidos como subvencionables na solicitude.

É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros no que todos os apartados se axustan ás bases como subvencionables e recibe unha subvención de 1.000 euros do Concello e de 500 da Deputación, terá que xustificar un total de 3.700 euros (os 1.000 do Concello, os 500 provinciais e 2.000 euros máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado. De novo volve ser obrigatorio efectuar a través do banco os pagamentos superiores a 100 euros.

No relativo á xustificación, as bases consensuadas no seo do Consello de Participación veciñal -do que forman parte entidades e grupos políticos- neste 2019 introducen unha importante novidade coa esixencia de que as entidades, tanto culturais como deportivas, deberán presentar gastos como mínimo do 50% do importe concedido. Ata o momento se unha asociación non xustificaba gastos polo total asignado, o Concello minoráballe proporcionalmente a cantidade que finalmente percibía. Agora introdúcese a obriga de xustificar polo menos o 50% da cantidade concedida para poder recibir a axuda coa correspondente minoración. Desta maneira búscase que as entidades afinen máis as programacións, adaptándoas á súa capacidade organizativa e a previsións realistas, coa finalidade de propiciar un reparto dos fondos públicos máis equitativo e eficiente.

Axudas para clubes deportivos
No caso das axudas a entidades deportivas o importe global é de 6.000 euros, aínda que tamén cómpre ter en conta que varias entidades terán convenio e non entrarán na convocatoria, como é o caso do Aldebarán de volei ou o C.F. San Sadurniño. Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, compra de material, etc. agás a os gastos financeiros nin tampouco os derivados da organización de xantares, eventos gastronómicos e similares.

Os criterios para a concesión das axudas valorarán o número de fichas -20% da puntuación total-, o número de categorías -20%-, a titulariedade de instalacións -30%- e o orzamento total da programación, que suporá ata o 10% dos puntos. Tamén se avaliará tecnicamente a converxencia co Plan de Igualdade dándolle maior puntuación -un 10% do total- aos clubes que contribúan a rebaixar a fenda de xénero, xa sexa das mulleres con respecto dos homes ou dos homes con respecto das mulleres. O 10% restante da puntuación ata chegar ao cento por cento outorgarase por aquelas medidas que contribúan á promoción da lingua galega.

Igual que ocorría na convocatoria de Cultura, os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida, o das axudas percibidas doutras entidades máis o 20% do orzamento admitido e, do mesmo xeito, tamén deberán achegar os documentos bancarios de pagamento no caso de facturas superiores a 100€. O prazo para presentar a documentación xustificativa finaliza tamén o 30 de decembro, a menos que se solicite -e se conceda- unha prórroga dun mes máis como máximo.

Convenios nominativos
Alén das convocatorias competitivas para Cultura e Deporte, o orzamento municipal tamén reserva outros 46.200 euros para sufragar convenios nominativos con entidades que colaboran co Concello no eido deportivo e na promoción do sector primario. Así, está previsto que nos próximos días se suscriban os preceptivos acordos co CV Aldebarán, co CF San Sadurniño e co club ciclista Biela e Chaveta. Este mesmo venres rubricaranse os convenios co a AGFA do Eume -xestora da horta de conservación de froiteiras-, coa Casa do Mel de Goente -encargada do apiario e doutras actividades arredor das abellas- e coa Asociación Agroecolóxica A Cortiña, que programa diversas propostas formativas ao longo do ano relacionadas coa produción sustentable de alimentos.