A Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá venres 8 de marzo dúas actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller. Ás 20:00 horas abrirase ao público unha mostra coas 15 fotografías participantes no concurso “Nós compartimos… e ti?”, que se levou a cabo durante os quince últimos días na páxina en Facebook do Concello de Lousame.
Ás 20:30 horas comezará o acto terá lugar a lectura dun manifesto a prol da igualdade e a entrega de premios do concurso. Un concurso ao que se presentaron 15 propostas, que recibiron un total de 1.650 votos de 827 internautas. A gañadora do certame foi Luz María Sambade Roo, que recibiu 372 votos, polos que recollerá un vale por unha escapada de tres días. Outra veciña de Lousame, María José Eiras, recollerá outro vale por unha escapada dunha noite con almorzo para dúas persoas, logo do sorteo realizado entre todos os participantes. O acto estará amenizado polo alumnado da Escola de Música de Lousame.
Ás 21:00 horas, as persoas asistentes subirán ao primeiro andar da Casa da Cultura, pois na sala de exposicións poderá visitarse a mostra sobre mulleres “A metade do ceo”, do artista José Tembra Redondo (Taragoña). A exposición reúne unha selección de obras elixidas polo escultor para renderlle homenaxe á muller.
Ambos actos contarán coa presenza da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira da Igualdade, Silvia Agrafojo.