Saturday 16 de November de 2024

Sesións de apoio para a obtención das competencias clave


 

A Mancomunidade e o Concello de Ordes abren o prazo para apuntarse ás charlas que se impartirán gratuitamente ata o 24 de maio

O Servizo de Igualdade do CIM da Mancomunidade de Ordes, o Servizo de Prevención de Drogodependencias e o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes conxuntamente co Concello de Ordes veñen de anunciar a apertura do prazo ata o 29 de marzo para inscribirse nas charlas de apoio para a obtención das competencias clave. A inscrición, totalmente gratuíta, pódese realizar presencialmente nas oficinas da Mancomunidade de Ordes, situadas nos baixos da alameda de Ordes. Para máis información pódese chamar aos teléfonos 981680002 (Marisé, axente de igualdade) e 607642863 (Mónica).
As sesións darán comezo o día 26 deste mes e finalizarán o 24 de maio. Desenvolveranse os martes e mércores en horario de mañá e nelas impartiranse coñecementos sobre comunicación en lingua castelá, galega, inglés e matemáticas. Todo isto facilitará a obtención dos certificados de profesionalidade do nivel 2 e 3 de cualificación, de cara ás probas finais que terán lugar en Silleda o 25 de maio.
As ditas charlas contan co apoio e financiamento do Fondo Social Europeo; a Dirección Xeral de Saúde Pública; Rede de Técnicos de Emprego de Galicia; ademais de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.