O Concello de Frades conmemorará o Día da Muller con dúas actividades que terán ao alumnado do CPI Ponte Carreira como protagonistas. Así, mañá xoves 7 de marzo terá lugar a representación da obra teatral “Non sabes quen es”, da compañía Duende Sico, que trata de fomentar o uso do galego e a educación en valores. A compañía de clown fará dous pases no CPI Ponte Carreira: un para o alumando de primaria ás 11:50 horas e outro para o de secundaria ás 12:50 horas.
A segunda actividade terá lugar o propio venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O Concello de Frades sumarase á iniciativa promovida polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes, polo que o alumnado do CPI Ponte Carreira se concentrará no patio amosando cartolinas de cor lila e con forma de bocadillo de cómic nas que se recollan mensaxes a prol da igualdade e de rexeitamento da desigualdade entre homes e mulleres.