Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión convida á veciñanza a unha concentración no exterior do Polivalente para conmemorar o Día Internacional da Muller


 

O Concello de Brión convida a toda a veciñanza a participar nunha concentración no exterior do centro social polivalente este venres 8 de marzo, ás 12:00 horas, para conmemorar o Día Internacional da Muller. Un acto co que se pretende dar visibilidade e reivindicar os valores que recolle esta conmemoración, como son a participación social igualitaria da muller e o seu desenvolvemento integro como persoa.

A escolla do polivalente como lugar da concentración non é casual, xa que aló medra a figueira que en 2018 se converteu en símbolo da iniciativa “mulleres medrando como árbores”, un slogan recuperado para esta ocasión e que representa unha mensaxe de apoio a todas as mulleres para que se desenvolvan fortes, autónomas, ceibes e sen medo.

A esa mesma hora, 12:00, a gran maioría das traballadoras do Concello de Brión sumaranse á convocatoria de folga realizada polas forzas sindicais para dar visibilidade ao traballo das mulleres, acabar coa discriminación de sexo e avogar pola igualdade en todos os ámbitos, especialmente no laboral. Un paro de dúas horas no que contan co total apoio do alcalde, José Luís garcía.