Unha ducia dos maiores do Programa Activa-Mente de Lousame desafiou as fortes choivas rexistradas na tarde/noite de onte martes e celebrou a súa tradicional festa de Entroido, nas instalacións do Club de Xubilados de Aldeagrande. Unha festa á que asistiron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.
Os maiores desfrutaron dunha tarde de festa na que degustaron roscas, biscoitos e outras larpeiradas que cociñaron eles mesmos, todo acompañado por unha gran chocolatada. Algúns deles mesmo fixeron gala do seu bo humor participando disfrazados. A tarde rematou con todas as persoas presentes xogado ao bingo de baralla, un xogo que lles require atención e concentración, capacidades que tamén adestran semanalmente no Programa Activa-Mente.
A sorte estivo moi repartida, polo que practicamente todas as persoas asistentes levaron algún dos premios, consistentes nuns packs con produtos do Entroido: grelos, chourizos, marmelo, queixo, roscas, anís, lacón, panceta ou ingredientes para elaborar filloas e orellas.