Thursday 21 de November de 2024

O presidente provincial fixo entrega esta mañá dun vehículo para uso dos deportistas do Club Triatlón Ferrol


Diego Calvo afirma que é un orgullo colaborar co Triatlón de Ferrol porque “esta cidade é un referente nacional neste deporte”

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asegurou hoxe durante o acto de entrega dunha furgoneta ao Club Triatlón Ferrol que, para a institución provincial, é un “orgullo” poder colaborar con esta entidade e, deste xeito, axudar a que os seus deportistas gocen de “mellores condicións” para participar nos eventos deportivos aos que acoden por todo o territorio nacional.

Acompañado polo presidente do Club Triatlón Ferrol, José Antonio Formoso, ‘Cali’, outros membros da directiva, e polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, Calvo afirmou que Ferrol é o “berce” deste deporte a nivel autonómico, nacional e mundial. Neste sentido, o presidente da Deputación da Coruña lembrou que nos “xermes” do Club Triatlón Ferrol empezou a dar os seus primeiros pasos Javier Gómez Noya.

“Para a Deputación é un orgullo entregar esta furgoneta”, indicou Calvo, quen se mostrou convencido de que o novo vehículo servirá para facer “máis cómoda” a vida dos integrantes do Club Triatlón de Ferrol. En total, a Deputación investiu 28.500 euros na compra da furgoneta.

Pola súa banda, o presidente do club deportivo explicou que o novo vehículo servirá tanto para o traslado dos deportistas ás competicións como aos máis de 50 mozos que se forman na escola desta entidade. Apuntou, ademais, que tamén utilizarán a furgoneta para “apoio” nas probas deportivas ás que acudan e ofreceuse para axudar na colaboración das diferentes competicións que poida organizar o Concello de Ferrol. “Facemos deporte pero tamén facemos labor social e colaboramos na organización de diferentes eventos. Con este vehículo poderemos facelo mellor”, concluíu José Antonio Formoso.