Pasado o Entroido, San Sadurniño comeza os actos con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, para o que están programadas distintas accións de concienciación e reivindicación dunha igualdade de dereitos plena e real. A primeira delas é a mostra “Galicianas: mulleres galegas facendo historia” que permanecerá até o día 21 de marzo na galería da Casa do Concello. Trátase dunha exposición composta por 14 paneis que nos descobren e recoñecen -por fin- a relevancia de mulleres que construíron parte da historia de Galicia e do Estado desde a cultura, a ciencia, as profesións liberais, o ensino e o activismo político e social. Loitadoras coñecidas canda outras “anónimas” ou, falando con propiedade, nomes femininos afamados compartindo espazo con esoutros que quedaron ocultos tralo pano patriarcal de quen escribiron a crónica de cada momento obviando por desidia ou á mantenta a súa contribución ao tempo en que viviron. A exposición chega a San Sadurniño da man da asociación cultural naronesa Vai Rañala Meu, quen tomou como base do proxecto o Álbum de Mulleres elaborado pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.
“Galicianas: mulleres galegas facendo historia” enche parte dos corredores da galería con tres estruturas onde se reflicten nomes, imaxes e traxectorias vitais dunha quincena de mulleres: Rosalía Castro, Maruja Mallo, Syra Alonso, Ángeles Alvariño, Marcela Gracia e Elisa Sánchez (Marcela e Elisa), Celia Rivas, Rita Fernández, Ángela Ruíz, Francisca Álvarez, María Casares, Luisa Cuesta, Nieves Fariza, Placeres Castellanos e, destacando entre elas, Susa Yáñez, veciña de Sedes, “grande defensora do mundo rural e amante da vida cultural” ademais de inspiradora do proxecto tralo seu pasamento.
“A raíz da morte dunha compañeira nosa, xorde a idea de levar a cabo esta exposición para dar a coñecer esas mulleres que fixeron tanto por Galicia en distintos ámbitos e que non son coñecidas practicamente”, explica Beatriz Mosquera, integrante de Vai Rañala Meu. Son “mulleres galegas que desenvolveron a súa actividade, calquera que fose, en condicións complicadas e que foron silenciadas ao longo da nosa historia. Como recoñecemento a todas as mulleres que acotío traballan de xeito silente e comprometido decidimos incluir a figura de Susa como personalización de todas elas”.
Do deseño da exposición encargouse o naronés Daniel Ameneiros, e para a escolla dos nomes que habían aparecer nos paneis a entidade apoiouse no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega. “Non seguimos un criteiro fixo para elixir as mulleres, porque non eramos quen de elixir entre tantas como hai. Colaboramos co Consello da Cultura Galega, eles axudáronnos co seu Álbum de Mulleres. Son todas mulleres traballadoras, moitas anónimas, outras moitas coñecidas como Rosalía de Castro, Maruja Mallo, María Casares -esas non podían deixar de estar-, pero hai outras que foron mestras, loitadoras durante a Guerra Civil e que fixeron outras moitas cousas e que as temos aquí para dalas a coñecer”, comenta Mosquera.
“Galicianas…” estreouse o ano pasado no Centro Cívico e Social de Sedes, logo pasou á Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, pola EIM de PIñeiros, polo Centro Cívico e Cultural de Arteixo e agora recala en San Sadurniño cadrando co comezo dos actos do 8M.
Trátase dun exercicio de reivindicación por medio da recuperación da memoria ocultada -consciente ou inconscientemente- polo patriarcado histórico e cultural xa que, salvo casos contados, moitas das protagonistas da exposición “chegaron a ser coñecidas porque os seus homes lle axudaron a selo”, anque “practicamente todas” tiveron que darse a valer nun entorno de dominio masculino auspiciado pola sociedade de cada época.
Beatriz Mosquera, como activista sociocultural e como unha das ideólogas da exposición, fala sobre a necesidade de iniciativas coma esta no contexto actual. Hai ferramentas para o transformar a actitude da sociedade, hai máis posibilidades de amplificar as mensaxes a prol da igualdade e, porén, “as cousas non están cambiando”, asegura Mosquera. “Hai que seguir loitando porque estamos volvendo pouco a pouco aos anos nos que viviron todas estas mulleres”.
Máis accións con motivo do 8M
A montaxe de “Galicianas: mulleres galegas facendo historia” pode visitarse até o 21 de marzo na galería da Casa do Concello nos horarios habituais de apertura: de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h. Con ela comezan as actividades do Día Internacional da Muller, aínda que o Concello volve trasladar o evento central ao último sábado de mes para poñer o acento en que a reivindicación feminina e feminista debe ser cousa de todos os días.
Aínda así, este venres ás 11.00h. lerase diante do pazo o manifesto insitucional aprobado en pleno o sábado pasado. A lectura irá seguida dun acto simbólico pendurando mandís no enreixado situado fronte á EIM A Rolada. Desde a área de Igualdade lánzase o convite para que todas as mulleres de San Sadurniño acudamos ao acto e que deixemos alí os nosos cinguidoiros a xeito de protesta polas desigualdades que aínda soportamos por sermos mulleres.
Ademais, consonte a declaración plenaria, tamén se fai un chamamento a participar ese mesmo día na mobilización Galegas8M que percorrerá as rúas de Ferrol a partir das 19.00h., como peche dunha xornada de folga de coidados, laboral, de consumo e estudiantil.