Contaron con 17 propostas para o concurso de doces e con 40 participantes para o certame de disfraces
A Escola Infantil Municipal (EIM) Raíña Lupa de Boqueixón celebrou onte pola tarde o seu tradicional Festival de Entroido. Unha cita que toda a cativada e familiares compartiron con alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
A directora do centro, Rocío Vázquez, salientou “o récord de participación que tivemos este ano tanto no concurso de receitas de Entroido como no certame de disfraces”. No primeiro caso foron un total de 17 os doces presentados polos familiares do alumnado. “Todas as propostas estaban deliciosas e o xurado tívoo moi complicado para escoller as gañadoras”, concreta Vázquez. Finalmente, o primeiro premio leváronno uns sacos de mazá, mentres que o segundo posto se repartiu entre unhas filloas e unhas cañas de crema e chocolate. No terceiro lugar quedou un biscoito.
Pola súa banda, o certame de disfraces contou cun total de 40 participantes, 20 na categoría individual e outros tantos na grupal. “Foi tan alto o nivel que tivemos un triple empate na modalidade de grupos”, explica a directora do centro. Así, quedaron como gañadores os Danoninos, a Familia de Mouchos e a Familia de Ovellas Shaun. O Crocodilo Reciclaxe quedou como vencedor da sección individual.
Dende o centro educativo quixeron agradecer “o traballo desenvolvido por todas as familias do noso alumnado. Sen a súa axuda, orixinalidade e adicación esta festa non sería posible”.