Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia investirá 20.000 euros na construción dun parque canino en Labarta, que contará con seis elementos de agility


 

Ocupará unha superficie de 300 m2 e estará listo en abril

O Concello de Noia investirá 20.000 euros na construción dun parque canino en Labarta, que contará con seis elementos de agility, unha modalidade deportiva para cans. A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, explica que “o parque ocupará unha superficie duns trescentos metros cadrados na explanada de Labarta, preto da nova pista de skate, e contará con seis elementos de agility para que os usuarios poidan facer distintos exercicios, así como unha fonte canina e un dispensador de bolsas para recoller as deposicións dos animais”.

Está previsto que os traballos de construción do recinto, que estará convintemente valado no seu perímetro, comecen a mediados deste mes de marzo, polo que podería estar operativo durante o próximo mes de abril. “Con esta actuación damos resposta a unha gran demanda veciñal, que nos viña reclamando dun espazo no que facer deporte coas súas mascotas e con ese circuíto de obstáculos conseguiremos que tanto a mente coma o corpo do cadelo estean en plena forma”, apunta Neri Arufe.