Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades e a Xunta de Galicia investirán 125.000 euros na humanización da contorna do centro de saúde de Abellá


 

O alcalde, Roberto Rey, reuniuse coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e presentou dous novos proxectos para a mellora da praza de Ponte Carreira por 129.000 euros

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, veñen de asinar un convenio de colaboración para a humanización da contorna do centro de saúde de Abellá. Un convenio que suporá un investimento de 125.000 euros, que será asumido nun 70% pola Xunta de Galicia e no 30% polo Concello de Frades.

Roberto Rey agradeceu a colaboración amosada pola conselleira de Medio Ambiente e salientou que “se trata dunhas melloras que sairán a licitación este mesmo mes de marzo, polo que agardamos que poidan estar listas o antes posible para o desfrute da veciñanza de Abellá”. As obras contemplan a reformulación dos peches e muros actuais da contorna do centro de saúde de Abellá, ordenando a zona, tanto as partes axardinadas coma as pavimentadas. Ademais, co obxectivo de acadar unha contorna máis agradable tamén se prevé o soterramento das liñas aéreas e por último substituirase as luminarias actuais por unhas novas con tecnoloxía LED.

Ponte Carreira

O alcalde de Frades aproveitou o encontro para presentarlle á conselleira un novo proxecto de humanización da contorna da praza pública de Ponte Carreira, por un importe de 81.114 euros. “Trátase dun proxecto que inclúe a renovación de todas as rúas contiguas á praza de Ponte Carreira e ao centro de saúde, así como a colocación de diverso mobiliario urbano: bancos, xardineiras, papeleiras…”, explica Rey Martínez.

Unha actuación que se complementaría coa subvención solicitada na Vicepresidencia da Xunta, ao abeiro do plan de mellora de parques públicos, para renovar o empedrado da praza de Ponte Carreira. Un proxecto orzamentado en 48.000 euros e que “permitirá substituír o empedrado por un formigón impreso, que evitará resbalóns nos días de choiva, e permitirá tamén a renovación do parque infantil, no que instalaremos máis xogos como son unha tirolina e unha cama elástica”, apunta o alcalde de Frades.