O Concello de Ordes dedicou máis de 86.000 € procedentes do seu remanente 2017 para realizar unha reforma integral do inmoble situado no campo da festa. Conta con cociña, baños, amplos espazos polivalentes para a práctica de distintas actividades, sistema led de iluminación etc
Os veciños e veciñas de Buscás xa dispoñen dun local social reformado para as súas actividades. Algo máis de 86.300 € foi a cantidade investida nesta intervención que supuxo a remodelación total deste inmoble público situado no mesmo campo da festa. Un importe sufragado integramente polo Concello de Ordes en base ao seu remanente do ano 2017.
Grazas a esta optimización de recursos ao longo dos últimos meses puidéronse acometer as seguintes actuacións: Desmontaxe de cuberta de fibrocemento; demolición de carpinterías exteriores e tamén de tabiquerías para unificar espazos e crear pasos adaptados; ampliación do espazo interior aproveitando o porche descuberto existente; instalación de sistema de iluminación LED; colocación de falso teito e pavimento laminado de tarima, así como de alicatados nas zonas dos baños; instalación de carpinterías exteriores e interiores de aluminio con ponte térmica, ademais do illamento térmico no exterior da fachada; equipamento de cociña ao completo incluíndo electrodomésticos, ademais dun aseo adaptado. Por último a cuberta quedou recuberta con pranchas de fibrocemento e tella cerámica.
Con todo isto a veciñanza de Buscás xa dispón dun espazo adaptado e polivalente, perfectamente acondicionado para a posta en práctica de multitude de actividades e accións como poderían ser ximnasia, ioga, pilates e similares, reunións veciñais, obradoiros creativos ou artesanais, aulas para a impartición de cursillos, cursos de cociña, xuntanzas lúdicas, ensaios de diversa índole etc.