A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Touro firmaron un convenio de colaboración desta actuación, que non superará os seis meses de execución
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé licitar en marzo por 60.000 euros as obras de mellora e humanización no Concello de Touro e que evitará os asolagamentos que se producen en Fonte Díaz, capital do Concello, a causa dos problemas de canalización. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde de Touro, Ignacio Codesido, co que vén de asinar un convenio de colaboración, no que a Xunta aporta un 70% e a porcentaxe restante é asumida por cada administración local. A conselleira recordou que se trata dun proxecto que ten un prazo de execución que non supera os seis meses.
Ángeles Vázquez destacou que a actuación asinada hoxe co Concello de Touro enmárcase dentro do chamado Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos. De feito, grazas a este programa xa se executaron 200 intervencións nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.
Evitar asolagamentos en Fonte Díaz
A actuación que se levará a cabo no Concello de Touro pretende evitar os asolagamentos que se producen na actualidade debido aos problemas de canalización que se rexistran na localidade de Fonte Díaz, capital do Concello de Touro.
Asemade as obras obxecto deste convenio completarán outra actuación prevista na rúa Ramón Cabanillas e duplicará a canalización do rego do Portopego, co fin de solucionar as problemas de enchentes existentes e mellorando as condicións de drenaxe. Tamén se instalarán arquetas de acceso á canalización para as oportunas operacións de mantemento e rematarase coa reposición da pavimentación afectada no transcurso da obra. Asemade, darase continuidade ao itinerario peonil xa existente. O importe deste convenio ascende a preto de 60.000 euros.