Ovidio Rodeiro anunciou en Outes a contratación, nas vindeiras semanas, da segunda fase de acondicionamento da travesía AC-550 en Outes
O Delegado Territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a zona onde se van a iniciar as obras, esta semana, do colector interceptor e do tanque de tormentas no Concello de Rianxo, que terá un custe de 4,8M€. O obxectivo desta actuación hidráulica é resolver os problemas derivados da elevada infiltración de auga nas redes de saneamento do municipio, a través da súa redución mellorando o estado dos colectores principais e a súa xestión grazas á regulación dun tanque de tormentas. Este gasto está financiado nun 80% polo programa operativo europeo Feder.
O representante do goberno autonómico destacou que “esta obra é moi necesaria polo feito de que a rede actual, a pesar de ser separativa, presenta fallos no funcionamento dos bombeos e hai unha xestión deficiente destes”. Tamén engadiu que se “teñen detectado verteduras industriais con cargas elevadas, tanto á rede como ao medio receptor, así como a insuficiencia do colector interceptor e da Edar para tratar o caudal que reciben”.
Asemade, a capacidade do colector interceptor vese na actualidade amplamente superada polo caudal que recibe. No inverno, cando a infiltración é maior, o colector chega xa sobrecargado ao núcleo urbano, provocando verteduras polos alivios constantes desta infraestrutura.
As obras, incluídas no Plan de saneamento local do Concello de Rianxo -redactado por Augas de Galicia-, consistirá na instalación dun novo colector interceptor de case 1,5 quilómetros de lonxitude e nun tanque de tormentas cun volume de retención de 700 m3, que estará enterrado e próximo ao pozo de bombeo, que funcionará como impulsión cara á depuradora.
A importancia desta actuación radica, non só no feito de mellorar un servizo a máis de 23.000 habitantes, senón tamén no obxectivo de recuperar zonas degradadas pola contaminación da costa e aumentar a competitividade económica e o fomento do turismo.
Ampliación da Edar de Rianxo
Asemade, tamén está previsto que se leven a cabo as obras de ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Rianxo, por un importe de 7,5M€ esta actuación está financiada nun 80% polo programa operativo europeo Feder.
O obxectivo desta obra é adecuar a capacidade de tratamento da EDAR ás necesidades actuais e solucionar a problemática derivada tanto do excesivo volume de augas residuais xeradas na rede como da súa carga contaminante, provocada principalmente polos vertidos das industrias conserveiras.
Plan se saneamento local da ría de Arousa
Para mellorar a calidade das augas da zona de Rianxo e da ría en que se integra, Augas de Galicia redactou o Plan de saneamento da ría de Arousa.
Dentro da relación de actividades deste plan levouse a cabo un intenso traballo para o coñecemento e diagnóstico da situación actual do sistema de saneamento e depuración de Rianxo no cal se definiron as actuacións prioritarias que resultaban necesarias para solucionar as carencias do sistema de saneamento.
A raíz deste traballo, en setembro de 2017 asinouse un convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Rianxo para a execución das actuacións de mellora dos sistemas de saneamento e depuración na ría de Arousa. No marco deste convenio executaranse as obras para a mellora do sistema de saneamento e depuración. O importe global para ambas as actuacións (Edar e colector interceptor e o tanque de tormentas) ascende a 14 millóns de euros.
Travesía de Outes
O delegado da Xunta na Coruña mantivo un encontro coa alcaldesa de Outes, Beatríz Molinos, para anunciar que, nas vindeiras semanas, se procederá á contratación da redacción do proxecto da segunda fase do acondicionamento na travesía AC-550.
Ovidio Rodeiro sinalou que “esta actuación consistirá en continuar coa actuación executada de renovación de servizos e de beirarrúas. A maiores se realizará unha ampliación da calzada na marxe esquerda, na zona posterior ao concello. Ademais, se estudará a implantación dunha glorieta na intersección da AC-550 coa rúa Vistalegre. O custe estimado da actuación será de 1 millón de euros”.
O representante do goberno autonómico destacou que esta obra ven a completar a actuación da primeira fase de mellora desta travesía, nos puntos quilométricos 65+044 e 65+654 que permitiu que este tramo fose máis accesible e máis cómodo para os usuarios ampliándose a estrada para facer beirarrúas máis anchas. Ademais, sinalou Ovidio Rodeiro, “leváronse a cabo outras accións como a mellora en varias interseccións, con semiglorietas que permiten dous cambios de sentido, coa construción de carrís centrais de espera e a extensión dun novo firme. Tamén se renovaron a redes de saneamento, alumeado e semáforos”. Esta obra tivo un custe de máis de 672.000 euros.
“Agora – finalizou – toca redactar o proxecto para facer unha actuación similar na segunda fase da travesía, unha demanda importante dos veciños e da alcaldesa que asumimos dende a Xunta de Galicia con este primeiro paso”.