Friday 22 de November de 2024

David Saavedra, novo Traballador social do Concello de San Sadurniño


 

David Saavedra Pino acaba de incorporarse ao Concello como responsable técnico da área que xestiona todo o relacionado coa atención social en San Sadurniño. Faino despois de obter a maior puntuación no proceso selectivo para crear unha lista de contratación que lle dea cobertura en rexime de interinidade á excedencia da titular, Cristina Paz, despois de que esta obtivese praza no CHUAC nunha das últimas convocatorias do SERGAS. Saavedra, de 45 anos, chega a San Sadurniño coa intención de “facer doado o acceso a todos os recursos de Servizos Sociais” e “con moitas ganas” de continuar o traballo de Cristina. De momento está aterrando no posto -incorporouse o venres- e, neste sentido, o novo traballador social indica que o servizo se manterá, alomenos por agora, tal e como viña funcionando coa súa predecesora: con visitas programadas aos domicilios, atendendo de inmediato casos urxentes e recibindo no Concello ás persoas usuarias que soliciten cita previa a través do 981 490 027.

Saavedra é Graduado en Traballo social pola Universidade de Santiago de Compostela e antes de recalar en San Sadurniño acumulou unha longa experiencia na que tocou practicamente todos os ámbitos dun traballo que require atender casuísticas moi diversas.

No seu currículo cóntanse funcións de Traballador social, como educador en pisos de acollida para menores en tutelaxe, en asistencia a rapazada inmigrante non acompañada, no campo educacional en relación coas situacións de drogodependencia, asistencia a persoas maiores, valoración de discapacidades, etc. Labores desempeñados en administracións locais como a de Noia ou Begonte, pero tamén na Xunta de Galicia e en entidades privadas como Asfedro.

O novo encargado do departamento de Traballo social de San Sadurniño accedeu ao posto a raíz da convocatoria aberta polo Concello en decembro pasado para confeccionar unha lista de substitucións coa que cubrir a excedencia solicitada pola titular, así como dispor dunha lista de agarda que garanta ter en todo momento un ou unha profesional á fronte do servizo. O seu contrato ten carácter de interinaxe, dado que a titular da praza continúa sendo Cristina Paz.

David empezou a traballar o venres pasado poñéndose ao día sobre os expedientes e o funcionamento do departamento que, segundo asegura, Cristina lle deixou “moi organizado”. Agora tocaralle a el continuar o labor e ir axeitándoo pouco a pouco ao seu propio proxecto, que en calquera caso, deberá seguir atendendo todos os campos asistenciais, de información e de traballo preventivo en distintos ámbitos, sempre en colaboración con outro persoal, como é o caso das traballadoras do SAF, da Educadora familiar, Pilar Calvo, da Axente de Igualdade, Verónica Rodríguez, e de María Rodríguez, quen leva parte da xestión administrativa e sobre todo a relacionada coa organización da axuda no fogar.

O traballador social emprende esta nova etapa “con ilusión e con moitas ganas de continuar o traballo de Cristina”, nun servizo que debe prestar unha “atención á veciñanza directa e cercana”. A este respecto, David Saavedra manifestou o seu compromiso de “facer doado o acceso a todos os recursos de Servizos Sociais”. Tamén indicou que, alomenos polo momento, seguirán manténdose os mesmos horarios de atención con cita previa no Concello, que deberá concertarse -salvo en casos urxentes- a través do 981 490 027 ext.1.