Friday 22 de November de 2024

O CIM de Boqueixón organiza variadas actividades para conmemorar o 8-M


 

Unha exposición, unha mesa de debate, a difusión da Guía de Linguaxe Inclusiva e a nova imaxe das escaleiras ao primeiro andar da Casa do Concello centran a programación deste ano

O Centro de Información á Muller conmemora o 8-M, Día Internacional da Muller, cunha variada programación de actividades. Unha exposición, a difusión da Guía de Lingua Inclusiva do Concello de Boqueixón, unha renovada imaxe das escaleiras da Casa do Concello e unha mesa de debate centran as accións para este ano.

Así, o propio 8-M inaugurarase a mostra Muller tiñas que ser!, que inclúe pinturas de diversas autoras de Boqueixón. A exposición, organizada en colaboración co Departamento de Educación e Cultura, estará aberta ata o vindeiro 5 de abril e poderá visitarse de luns a venres pola mañá.

Tamén este venres estrearase a renovada imaxe das escaleiras de acceso á planta superior da Casa Consistorial de Boqueixón. Baixo o nome O camiño da igualdade: 18 chanzos feministas, as escaleiras encheranse con 18 frases de autoría feminina que conforman un manifesto pola igualdade de xénero.

Seguindo esa liña, o CIM procederá á difusión da Guía de linguaxe inclusiva do Concello de Boqueixón. Trátase dunha ferramenta coa que se pretende garantir o uso dunha linguaxe inclusiva en todos os procesos que se desenvolvan na administración local.

Mesa-debate con Carme Adán

A programación do CIM para conmemorar o Día Internacional da Muller complétase coa celebración dunha Mesa-debate con Carme Adán arredor do seu libro Feminicido: unha nova orde patriarcal en tempos de submisión. A cita será o vindeiro sábado 6 de abril ás 17.00 horas na Casa do Concello. O obxectivo desta actividade é, a través da lectura da publicación, xerar un coloquio sobre a violencia de xénero e diferenciala da violencia doméstica.

A asistencia é de balde, mais deberase formalizar unha inscrición previa, xa que as prazas son limitadas, antes do 27 de marzo. Para solicitar praza, as persoas interesadas deberán poñerse en contacto co CIM de Boqueixón a través do enderezo electrónico cim@boqueixon.com ou no teléfono 981 513 061.

Dende o CIM de Boqueixón animan a toda a veciñanza a sumarse a estas actividades para conmemorar o 8-M. Ao tempo, lembran a importancia de contribuír á creación dunha sociedade que promova a igualdade de xénero.