Friday 22 de November de 2024

O Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame traballan na organización dun trail running nocturno o sábado 15 de xuño


 

O Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame organizan a primeira edición do Trail Running Nocturno Lousame, que terá lugar o vindeiro sábado 15 de xuño. Unha proba que xurde tras o gran éxito das dúas primeiras edicións do Trail San Silvestre Minas de San Finx, que o pasado mes de decembro reuniu a 361 atletas de toda Galicia e foi gañado polo nicrariense Luís Calvo Castro e a viguesa Aroa Sío Recknold.

O presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, explica que “de momento xa reservamos a data do sábado 15 de xuño en Correr en Galicia e durante as próximas semanas traballaremos na definición do trazado da proba. Pensamos nunha carreira duns 14 ou 17 quilómetros, con saída ás 22:00 ou 22:30 horas, que no verán é un momento no que aínda hai luz”.

Unha nova carreira coa que dar resposta ás inquietudes dos centos de atletas que participan nas probas deportivas no municipio. “Se hai dous anos fixemos o primeiro Trail San Silvestre e na segunda edición fixemos dous percorridos diferentes para que se animase máis xente a participar, este trail nocturno preséntase como a resposta a peticións que nos chegaron durante o pasado decembro e pensamos que pode ser unha interesante experiencia”, sinala o presidente do Club Lousame Deporte.

En canto ao percorrido “aínda está pendente de decidilo, estamos barallando varias opcións: San Xusto, Tállara… pero o que si podemos confirmar é que non será tan técnico como o da San Silvestre e que non correremos polas beiras do río ou lugares que poidan ser complicados”. Neste sentido, Néstor Romero adianta que “non agardamos en absoluto unha participación semellante á da San Silvestre Minas de San Finx, estamos pensando nun grupo máis reducido e penso que conseguir estar preto dos cen participantes sería un gran éxito”.