Saturday 16 de November de 2024

A Xunta apoiou co Bono Autónomo a 79 beneficiarios das comarcas de Bergantiños-Costa da Morte


O delegado territorial apuntou que este tipo de axudas pretenden facer que traballar por conta propia sexa máis fácil e con menos cargas administrativas

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixo balance da orde de axudas do Bono Autónomo na comarca de Bergantiños-Costa da Morte en 2018. O Bono Autónomo destinase a aqueles traballadores por conta propia, que conten cunha antigüedade superior aos 42 meses, que teñan uns rendementos netos reducidos inferiores aos 30.000 euros ao ano e unha facturación mínima anual de 12.000 euros –IVA incluído–.

“Na comarca do Bergantiños-Costa da Morte, apuntou Ovidio Rodeiro, recibiron esta axuda 79 persoas e as achegas totais que recibiron foron de máis de 176.000 euros”.

Esta actuación conta con dúas liñas de axudas. Unha destinada a apoiar os servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación e refinanciamento ou reorientación do negocio. Ademais, por primeira vez, a convocatoria prevé inversións relacionadas coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos e rótulos. Tamén entran a reforma de locais e a posta en marcha de páxinas web e aplicacións ou a creación de logotipos de negocios

Para diagnosticar e identificar mellor aquelas áreas onde precisan mellorar, os autónomos dispuxeron de servizos gratuítos de apoio, que presta a Rede de Técnicos de Emprego ou do Igape. Esta experiencia serve para avaliar os resultados e incorporar melloras en futuras ordes.

Ovidio Rodeiro sinalou que “con medidas como este Bono Autónomo ou coa creación da Oficina do Autónomo a Xunta trata de facer que traballar por conta propia en Galicia sexa cada vez menos difícil e haxa menos cargas administrativas”. O delegado territorial aproveitou a ocasión para lembrar que ata o 14 de xullo segue aberta a convocatoria para solicitar estas axudas para o emprego autónomo para este ano 2019”

O representante do goberno autonómico aproveitou para lembrar que tamén existen outros programas interesantes como a nova orden de axudas ao relevo xeracional para facilitar a transmisión de negocios que estean próximos a idade de xubilación e as axudas para unha segunda oportunidade para todo autónomo que queira reemprender un negocio poida facelo adquirindo un compromiso de formación.