Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Boqueixón adxudicou obras de mellora nas infraestruturas municipais por valor de máis de 300.000 euros


Finalizadas as actuacións do camiño do cruce de Vigo a Melón de Abaixo e da pista do campo de fútbol de Lestedo, cun investimento de máis de 120.000 euros

O Concello de Boqueixón adxudicou obras de mellora nas infraestruturas municipais por valor de máis de 300.000 euros. Trátase dun total de sete actuacións que se acometerán en distintas parroquias do municipio e que están incluídas dentro do Plan POS+2018.

Así, adxudicáronse os traballos de mellora no camiño de Noenlle a Feal por Mareque por valor de máis de 53.000 euros; no vial do campo da festa da Granxa a Boqueixón, por un importe de 50.000 euros; na pista de Orto ao lugar da Igrexa (Boqueixón), cun orzamento de máis de 46.000 euros; as dos camiños de Gastrar a Lamparte e de Melón a Alto de Outeiro, por preto de 45.000 euros cada unha delas, e as obras da pista da Solaina á Pichela polo Pico Sacro (Lestedo), por máis de 42.000 euros.

“Todas estas obras, que comezarán en breve, permitirannos seguir mellorar os viais do municipio, optimizando, deste xeito a mobilidade da nosa veciñanza”, indica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. Ademais das actuacións adxudicadas, xa se iniciou o movemento de terras para empezar as melloras do camiño do cruce de Vigo ao cruce de Carabán, tamén do POS+2018, cuxa inversión ascende a preto de 70.000 euros.

A maiores, adxudicouse o proxecto para a creación dunha senda peonil na parroquia de Lamas. Unha actuación que é posible a través dunha subvención da Deputación da Coruña e que prevé unha inversión de case 80.000 euros.

Por outra banda, o rexedor boqueixanés indicou que xa están finalizados os traballos do camiño do cruce de Vigo a Melón de Abaixo e do camiño do campo de fútbol de Lestedo. A primeira das actuacións pertence ao Plan POS Adicional 2017 e contou cunha inversión de preto de 60.000 euros e a segunda, ao POS+2018 e investíronse máis de 62.000 euros.

Proxectos con fondos propios por máis de 240.000 €

Fernández Munín tamén adiantou que “xa está adxudicada mellora nas pistas polideportivas muinicipais e, proximamente, contrataremos o proxecto de sinalización horizontal en viais de todas as parroquias do noso concello. Do mesmo xeito, formalizaremos nas vindeiras semanas a adquisición dun novo camión do lixo”, concretou. Estes tres proxectos acometeranse con fondos propios e o investimento total de máis de 240.000 euros, supoñendo a metade desta contía o custo previsto para a adquisición do camión do lixo.