Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño apoia as reivindicacións do cadro de persoal de Poligal


Penúltimo pleno do mandato tranquilo e con unanimidade en todos os puntos

 

O salón de plenos acolleu esta mañá a penúltima sesión ordinaria deste período corporativo tratando un total de dez asuntos, un máis dos que ían inicialmente na orde do día, posto que o BNG incorporou pola vía de urxencia unha moción en apoio do persoal da empresa Poligal. Todos os temas saíron adiante co apoio unánime dos tres grupos municipais. Os de máis relevancia foron a declaración como actividades de especial interese daquelas explotacións que cumpren os requisitos para acollerse ás bonificacións do IBI, o plan económico e financeiro 2019-2020 e a declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

O primeiro asunto con entidade administrativa que se tratou foi a modificación da Mesa de contratación permanente do Concello de San Sadurniño. Este órgano é o que se encarga de supervisar as licitacións públicas e está formado por unha presidencia, dúas vogalías e unha secretaría, ademais das súas correspondentes suplencias. Unha das persoas que formaba parte da mesa era a Traballadora Social municipal que, trala súa marcha en excedencia, deixou vacante a suplencia da segunda vogalía.

A proposta que se aprobou en pleno por unanimidade dos tres grupos foi que o lugar sexa ocupado por unha das administrativas municipais no que resta de mandato, posto que este organismo deberá constituírse de novo despois das eleccións de maio.

Tamén saiu adiante sen maior controversia a aprobación dos cambios no regulamento de acción social do persoal laboral do Concello. Unha proposta formulada pola representación sindical que establece os casos e o xeito de acceso ao fondo de 4.000 euros reservado pola Administración Local para subvencionar dentro do Convenio Colectivo servizos de odontoloxía, oftalmoloxía, audioloxía, fisioterapia, podoloxía e ortopedia, en substitución do seguro xenérico que se lle viña ofrecendo ao persoal. Os traballadores e traballadoras que queiran beneficiarse do fondo deberán solicitalo antes do 10 de novembro de cada ano e despois será unha comisión formada polo departamento de Recursos humanos e da representación sindical quen propoña a súa distribución.

O quinto asunto do pleno centrouse en aprobar a declaración de especial interese ou utilidade municipal das actividades que se exercen nas explotacións agrogandeiras e forestais do territorio que se poderán beneficiar de bonificacións de ata un 95% no recibo da “contribución”. Ata o 31 de decembro de 2018 presentáronse 60 solicitudes, das que o Concello aceptou 23 por cumprir cos requisitos establecidos na ordenanza, onde se contempla unha bonificación no imposto dun 95% para as instalacións de uso exclusivo relacionado co sector primario e dun 50% para o caso de que convivan outros usos. Trala exposición do goberno local todos os grupos manifestaron o seu acordo e o PP precisou que unha das referencias catastrais que figuraban no expediente non se correspondía con ningún predio. Deste xeito, a votación da proposta fíxose condicionada a que se fagan as comprobacións oportunas sobre o erro.

Houbo unanimidade tamén na aprobación do plan económico e financeiro 2019-2020, un documento que recolle as medidas correctoras que deberá poñer en marcha o Concello de cara a corrixir neste exercicio e no que vén a superación da regra de gasto e o equilibrio presupostario, segundo reflicte o peche das contas de 2017. As medidas, que non lle afectarían “á estrutura financeira do Concello”, tal e como asegurou o edil de Facenda e voceiro do BNG, Suso Soto, pasarán por “limitar o uso de remanentes para gasto ordinario”, a pesar de que, segundo Soto, se dispón de máis dun millón de euros cuxa utilización está condicionada pola normativa estatal sobre contención do gasto das administracións públicas. Con todo, o concelleiro asegurou que “se é necesario por cuestión de prestarlle servizos á veciñanza, acudiremos a eles”. Tanto o PSOE como o PP -que se interesaron en plenos anteriores pola elaboración do plan- déronlle o visto e prace ao documento.

O acordo das tres formacións políticas con representación municipal volveu darse no seguinte asunto, onde se leu a declaración institucional con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. O texto completo farase público o próximo venres nun acto simbólico programado para as 11 da mañá diante do Concello. Na parte de acordo explicítase o apoio á plataforma feminista Galegas8M e ás accións reivindicativas que está levando a cabo -a próxima, a manifestación de mañá en Lugo-, pero tamén se expresa o chamamento á participación na folga de mulleres do propio 8 de marzo. Por outra banda reitérase o compromiso municipal na defensa dos dereitos e da igualdade plena de xénero e o rexeitamento da violencia machista, ademais de advertir sobre as teses “da dereita” que suporían un retroceso nas conquistas en materia de igualdade.

Xa no apartado de mocións foi onde entrou a relativa á situación dos case 120 traballadores e traballadoras da planta de Poligal en Narón. Perante representantes do seu comité de empresa, o Concello expresou de forma pechada o seu rexeitamento ao concurso de acredores e extinción da actividade proposta pola multinacional só na factoría naronesa. Na exposición de motivos lembrouse que a firma comezou a súa expansión ao abeiro das axudas á reindustrialización que viñeron despois da reconversión naval e que, ademais, nos últimos anos colleitou máis de 6 millóns de euros de fondos públicos. Tamén se incide en que o peche da fábrica de plásticos non obedecería a cuestións relacionadas coa súa rendibilidade, senón a unha política de deslocalización que beneficiaría as outras plantas do grupo, situadas en Polonia e Portugal, onde os salarios son máis baixos. A este respecto a exposición da moción fíxose eco das denuncias do comité sobre a imputación das perdas da firma unicamente á factoría naronesa, de cara a argumentar con malos resultados económicos o seu peche e o despedimento da plantilla. A representación laboral de Poligal, presente na sala, interviu brevemente para ratificar todo o recollido na moción e para agradecer o apoio dos tres grupos políticos á súa reivindicación.

De aí saltaríase xa ao apartado de rogos e preguntas, momento no que é habitual que a dialéctica entre goberno e oposición alcance a súa maior intensidade. Non foi o caso. Seguindo a tónica de cordialidade de toda a sesión tamén aquí houbo un intercambio de pareceres sosegado sobre dúas cuestións plantexadas polo PSOE e polo PP. Así, María Belén Trigo fíxose eco “dunha nova que saiu no xornal hai uns días na que pon que Facenda tutela as contas de 63 concellos por incumprir os obxectivos de estabilidade orzamentaria” e preguntou se ese titular era certo. Secundino García comentou que a tutela do Ministerio de Hacienda se limitaba, precisamente, aos plans económicos e financeiros e que nesa circunstancia tamén estaban outros municipios e mesmo a Deputación da Coruña. Neste sentido o alcalde tranquilizou á representante do PP respostándolle que San Sadurniño “non ten ningún problema de viabilidade económica”.

Yolanda Vázquez preguntoulle ao alcalde se tiña constancia dun accidente que se tería producido nunha pista municipal :”Oín un comentario de un accidente de mozos que estaban facendo probas de vehículos sen autorización e sen nada en Forgoselo e que un deles se lesionou bastante “, introduciu a concelleira do PSOE. Secundino García aclarou que “había un permiso especial para utilizar unha pista municipal para facer unha proba dun coche” e precisou que ese permiso se concedera para a proba dun vehículo, pero non “para unha competición deportiva”. Secundino García dixo descoñecer se houbera ou non un accidente e lembrou que é responsabilidade de quen presenta a solicitude dispor dos demais permisos e condicións de seguridade que deban cumprirse.