Friday 22 de November de 2024

Exitosa xornada ‘A Filloa de Lestedo na Galiciana’ con arredor de 250 tapas de filloa repartidas entre o público asistente


 

Dúas Xeneralas da Ulla sorprenderon cos seus vivas e o seu atranque no Mercado aos que seguiu unha actuación musical

O Mercado La Galiciana encheuse coa tradición e a cultura da parroquia de Lestedo. A xornada A Filloa de Lestedo na Galiciana, organizada polo Concello de Boqueixón e pola Asociación Cultural Filloa de Lestedo e co apoio do GDR Terras de Compostela, resultou todo un éxito de convocatoria e sorprendeu ao numeroso público que se achegou onte a este mercado compostelán.

Segundo indicaron dende La Galiciana, foron arredor de 250 as tapas de filloa repartidas entre a clientela durante a xornada de onte. Dez establecementos aportaron cadansúa receita que tivo como base a Filloa de Lestedo.

Dende media mañá, os filloeiros de Lestedo funcionaron a pleno rendemento. Unha filloeira elaborou en directo estos produtos durante todo o día; un traballo que suscitou grande interese entre as persoas que se achegaban polo mercado.

Xa pola tarde-noite, un grupo de bloggers gastronómicos galegos participou nun concurso de Filloas de Lestedo, tras recibiren unhas nocións básicas para a súa elaboración. Estiveron acompañados polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro Tato; o xerente do Mercado La Galiciana, Benigno Sánchez, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, quenes tamén amosaron a súa destreza ante os filloeiros.

As creacións dos bloggers gastronómicos foron valoradas por un esixente xurado composto polo presidente da Asociación Cultural da Filloa; o integrante desta agrupación, Juan Corral, e a propia filloeira. A destreza na tiraxe do amoado, a textura, o punto de cocción e a finura foron os criterios utilizados. A decisión foi difícil, mais finalmente a vencedora do concurso foi Marité Romero, máis coñecida polo seu blog The Foodie Searcher.

Atranque das Xeneralas da Ulla

Dúas Xeneralas da Ulla protagonizaron un tradicional atranque no Mercado La Galiciana, deixando ao público gratamente sorprendido. As dúas xeneralas animaron a todas as persoas asistentes a achegarse o vindeiro domingo 10 de marzo ao campo da festa para participaren na 36 Festa da Filloa de Lestedo. Tras as coplas e vivas, un dos balcóns do Mercado da Galiciana encheuse cos integrantes da agrupación de música tradicional da Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo.

Unha actuación coa que se puxo o broche de ouro a unha completa xornada de posta en valor da Filloa de Lestedo. Unha acción encadrada dentro do proxecto Sabores do Territorio do GDR Terras de Compostela, e dentro da Medida Leader Galicia 2014-2020-Submedida 19.4 Promoción Territorial.