Alfonso Rueda presidiu hoxe a reunión do Padroado da Fundación Galicia Europa que tivo lugar esta mañá en Santiago
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda explicou hoxe ao inicio da reunión do Padroado da Fundación Galicia Europa, que ésta centrará a súa actividade no ano 2015 en captar fondos europeos para as entidades galegas.
Na reunión do Padroado destacouse tamén a importante labor que levou a cabo a Fundación Galicia Europa neste ano 2014, con importantes feitos coma a visita a Galicia do comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, e a presentación da Estratexia Ris3 á que asistiu, o que proba o bo facer da nosa comunidade en materia de I+D+i, un dos eixos polos que máis aposta a UE.
O actual contexto, de cambio de ciclo nas institucións da UE, fará tamén imprescindible que a Fundación continúe a exercer como ponte entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia e a nova Comisión Europea, asegurando un diálogo fluído e regular que asegure unha boa execución dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (EIE). Así mesmo, propiciaranse encontros das autoridades galegas cos membros da recentemente designada Comisión Juncker para abordar cuestións de especial interese para a comunidade.
Entre estas políticas europeas prioritarias para Galicia, a Fundación continuará co traballo realizado en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar durante os últimos anos en materia de demografía, co obxectivo de incluír na axenda comunitaria, e máis concretamente na revisión da Estratexia Europa 2020, a busca de solucións para fenómenos como o envellecemento da poboación ou o despoboamento.
Os membros do Padroado da Fundación tamén analizaron durante a xuntanza desta mañá o apoio que continuará a proporcionar a sectores fundamentais do tecido produtivo galego como a agricultura e a pesca, o automóbil, o naval ou a madeira. Así mesmo, sinalouse a necesidade de que a Fundación faga un estreito seguimento de varias cuestións de actualidade no contexto comunitario e as consecuencias que o seu desenvolvemento poida ter para Galicia, como as negociacións do Acordo Transatlántico para o Comercio e o Investimento (TTIP, nas súas siglas en inglés) ou a posta en práctica do Plan de Investimento proposto este mes polo presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker.
Apostando pola formación
A Fundación continuará a traballar pola formación dos mozos e mozas galegos, co propósito de mellorar a súa empregabilidade e acceso ao mundo laboral. Por isto, concederá un ano máis seis bolsas dirixidas a licenciados universitarios e a un titulado de Formación Profesional para que realicen prácticas nas súas oficinas de Santiago e Bruxelas seguindo de preto asuntos relacionados coa UE.
Balance 2014
Ademais de sinalar as prioridades para o vindeiro ano, durante a xuntanza do Padroado da Fundación Galicia Europa aproveitouse para facer balance das principais iniciativas postas en marcha durante o 2014. Entre as mesmas destacouse o traballo realizado na formación de entidades locais e pemes en materia de financiamento comunitario, a través de protocolos de colaboración en vigor coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e o Consorcio Zona Franca de Vigo.
Así mesmo, e como parte do seu labor na defensa dos intereses galegos en Bruxelas, a Fundación apoiou as visitas institucionais de varios representantes do goberno galego, entre eles o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que viaxou a Bruxelas en setembro para participar no VI Foro da Cohesión.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de propiciar o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.