O secretario xeral para o Deporte e o alcalde de Ordes visitaron as instalacións de Vista Alegre onde se executará a obra, orzamentada en case 32.800 €. José Ramón Lete tamén se comprometeu a levar a cabo unha zona de lanzamento de xavelina
O secretario xeral para o Deporte e o alcalde de Ordes, José Ramón Lete Lasa e José Luis Martínez Sanjurjo respectivamente, visitaron de maneira conxunta as instalacións deportivas de Vista Alegre, e máis concretamente as pistas de atletismo. Alí puideron analizar as zonas onde se teñen proxectadas unha serie de melloras de cara a este ano, ademais de intercambiar impresións. Un encontro que tivo lugar onte e no que tamén participaron tanto o primeiro adestrador como a presidenta do Club Atlética A Silva-Ordes, José Domínguez e Olga Ferreiro.
O secretario xeral anunciou a próxima instalación dunha gaiola de lanzamentos homologada, cuxo importe ascende a case 32.800 €. O proxecto contempla demolicións previas, o acondicionamento do terreo e as cimentacións precisas mediante a aplicación de capas e a formación de zapatas de formigón armado. Posteriormente procederase coa instalación da gaiola propiamente dita, a cal levará sete postes verticais de aluminio e reforzados, dúas portas rectangulares con perfil de aluminio e dobre rede confeccionada con fío de polipropileno, así como outros elementos de seguridade. Por último aplicarase un pavimento continuo sintético na soleira da zona de lanzamento.
Ademais desta nova instalación hai que engadir o compromiso para levar a cabo unha zona de lanzamento de xavelina composta por corredor, arco e sector de caída. Con todo isto o complexo deportivo de Vista Alegre sería o primeiro en Galicia onde se poderán realizar simultaneamente lanzamentos longos de xavelina e de gaiola.
Martínez Sanjurjo aproveitou a visita de José Ramón Lete para amosarlle o complexo deportivo de Vista Alegre e, máis concretamente, os novos vestiarios e almacén nos que a Secretaría Xeral para o Deporte investiu 50.000 euros no ano 2016.
A provincia da Coruña verase beneficiada por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de arredor de medio millón de euros.