Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia recolleu máis de 7.000 litros de aceite de cociña usado en 2018, que terían contaminado 7,7 millóns de litros de auga


 

Os colectores da Praza das Américas e na rúa Outonil son os que máis litros recolleron, con 730 e 690 litros respectivamente

Os veciños e veciñas de Noia reciclaron un total de 7.017 litros de aceite de cociña usado durante o ano 2018, recollido a través dos 21 contedores dispostos polo Concello de Noia. A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri Arufe, agradece “a gran colaboración da veciñanza coa reciclaxe deste tipo de residuos pois, ademais de evitar contaminar 7.718.700 de litros de auga, tamén se evita tanto obstrucións nas canalizacións do saneamento municipal como avarías nas depuradoras”.

Glosando os datos por parroquias, a de Noia ten recollido máis do 60% do total, non en van o casco urbano é onde se concentra un maior número de contedores: 9 de 21. De feito, os seis contedores que máis aceite recollen están emprazados na zona urbana: na Praza das Américas (730 litros), na rúa Outonil (690 litros), na rúa Pintor Xenaro Carrero (630 litros), no cruce da rúa Espírito Santo-Rúa Ferreiro (620 litros), na rúa República Arxentina (495 litros) e na rúa Ourense (460 litros).

A segunda parroquia con máis litros recollido é a de Barro, con 1.460 litros reciclados a través dos seus cinco contedores en Ousoño, Orro e A Barquiña. Completan o listado Argalo (527 litros en tres contedores), Boa (470 litros en dous contedores), Obre (185 litros) e Roo (150 litros). Por meses, os de novembro e xaneiro foron os de maior recollida, con 915 e 787 litros, respectivamente.

“O aceite usado de cociña é un dos residuos ao que ás veces non se lle presta atención pero que, na práctica, é o máis contaminante de todos os que xeramos nos nosos fogares”, explica Ángela Neri, quen lembra que “desfacerse do aceite de cociña a través do desaugue da cociña ou do baño pode producir un triplo dano: obstruír as cañerías da propia vivenda, causar avarías nas depuradoras e contaminar o noso medio ambiente”.