A Concellaría de Cultura informa de que o próximo venres, 12 de decembro, ás 19.00 horas, se celebra unha charla sobre a misión da sonda espacial Rosetta no Planetario da Casa das Ciencias.
Un mes despois de pousarse sobre a superficie xeada do cometa Churiumov-Guerasimenko, a sonda Philae permanece en silencio. O seu accidentado descenso rematou nunha rexión en sombra do cometa, polo que os paneis solares non reciben a luz necesaria para recargar as súas baterías. É moi probable que xa non poida realizar os experimentos que tiña previstos, pero iso non quere dicir que a misión deba considerarse un fracaso.
Para falar de todo iso o Planetario da Casa das Ciencias contará coa presenza do seu director técnico, Marcos Pérez Maldonado, e de Javier Pedreira Wicho e Borja Tosar, dous divulgadores científicos que ao longo dos últimos meses fixeron un pormenorizado seguimento das aventuras da sonda Rosetta e o módulo Philae. A entrada á charla é gratuíta ata completar o aforamento.