Unha filloeira realizará en directo os deliciosos produtos típicos desta parroquia de Boqueixón
O restaurante e a cafetería de El Corte Inglés de Santiago (terceira planta) acollen dende hoxe e ata o vindeiro 9 de marzo unha nova edición das Xornadas promocionais da Filloa de Lestedo. A iniciativa presentouse esta mañá en rolda de prensa nun acto no que participaron o tenente de alcalde de Boqueixón, Jesús Sanjuás; o Director Rexional de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia, Pati Blanco, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal.
Jesús Sanjuás agradeceu a El Corte Inglés que “novamente apostase pola promoción dun produto tan noso e tan propio destas datas como é a Filloa de Lestedo. Para o noso Concello é un orgullo poder contar co voso apoio para poñer en valor o bo facer da nosa veciñanza”, concluíu.
Pola súa banda, Pati Blanco explicou en que consisten as Xornadas promocionais da Filloa de Lestedo. “É un orgullo para El Corte Inglés ser unha plataforma de promoción da Filloa de Lestedo, produto autóctono de Galicia, que está presente en todas as mesas de Entroido, tanto como postre, como maridando co chourizo chorizo ou como substituto do pan…”, indicou.
Dende hoxe e ata o vindeiro 9 de marzo, todos os días entre as 13.00 e as 16.30 horas unha filloeira elaborará en directo as Filloas de Lestedo no restaurante e a cafetería de El Corte Inglés de Santiago. Ademais de descubrir como se fan estes deliciosos produtos, as persoas asistentes terán a oportunidade de participar nunha degustación gratuíta.
Esta acción complementarase con diversa información sobre o programa da 36 Festa da Filloa de Lestedo. A celebración terá lugar o vindeiro domingo 10 de marzo nesta parroquia boqueixanesa.