Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia organiza unha nova campaña contra a avespa velutina e convoca unha xuntanza para a entrega de trampas


 

Protección Civil Noia retirou durante 2018 máis de 150 niños secundarios e 100 primarios, sobre todo en Roo e Barro

O Concello de Noia vai poñer en marcha unha nova campaña municipal para loitar contra a avespa velutina, polo que convoca unha reunión aberta á veciñanza o próximo venres 15 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de plenos municipal. “Un encontro no que informaremos sobre como loitar contra esta especie invasora e repartiremos novas trampas e atraíntes para as preto de 250 trampas que repartimos o ano pasado”, explica Ángela Neri Arufe, concelleira de Protección Civil.

A decisión de iniciar a campaña nestas datas xustifícase en que na primavera é cando as novas raíñas de avespa velutina comezan a conformar os seus niños primarios, polo que é un dos períodos de maior traballo para o control da especie (xunto co final do verán e o comezo do outono, cando os niños que non foran observados acadan xa tamaños considerables). “A avespa asiática é unha especie invasora devoradora de insectos polinizadores, como as abellas, e que causa importantes prexuízos económicos nos sectores apícola e frutícola polo que a colaboración veciñal é fundamental para loitar contra ela”, apunta a concelleira.

Campaña 2018

Neri Arufe mantivo un encontro co xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, quen lle presentou os resultados da campaña realizada o ano pasado. “Contamos coa colaboración de máis de duascentas persoas e repartíronse preto de 250 trampas, que permitiron capturar milleiros de exemplares”, explica Eduardo Moledo. A maiores, Protección Civil Noia retirou durante 2018 máis de 150 niños secundarios e outros 100 primarios.

A estas cifras hai que engadir os 93 niños retirados polo GES de Brión durante os primeiros meses de 2018. “Dende setembro do ano pasado, o Concello de Noia conta con dous equipos de protección individual e unha pértega de 27 metros de largo para loitar contra a avespa velutina grazas a unha cesión realizada pola Consellería do Medio Rural”, sinala Ángela Neri.

Por parroquias, as de Roo e Barro son as que rexistran un maior número de captura de velutinas. “Temos retirado niños de sitios moi diferentes, non só de árbores, tamén entre matorrais próximos ás vivenas e zonas húmidas”, apunta Eduardo Moledo, “pero tamén dentro de vivendas, en garaxes e incluso dentro de caixas para persianas”. “A palma levárona Roo e San Cristina, que rexistran o 80% do que se sacou. Sobre todo na Barquiña, no Castro, Paradela e Agrelo. En Argalo foron menos, pero sobre todo en Sueiro e Mosteiro. E en Boa tamén houbo actividade na zona de Taramancos”, puntualiza o xefe de Protección Civil noiés.

Alerta coas rozas

Así mesmo, Eduardo Moledo lanza un consello á veciñanza relacionado coas obrigas de corta de arborado e rozas de acordo ao establecido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os lumes forestais de Galicia: “aconsellamos que fagan a corta ou a roza neste mes ou no que vén porque, a partir de entón, as raíñas comezarán a facer niños primarios e non só en árbores, tamén en matorrais”. Neste sentido, alerta de que “en Noia xa nos atopamos con xente que foi atacada por estar rozando coa debrozadora e atoparse cun niño de velutinas”.