Teresa Villaverde anuncia que o lugar será declarado Punto de Interese Local e que se habilitarán dous miradoiros e distintos sendeiros
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presentou esta mañá o proxecto de repoboación forestal e posta en valor do monte de San Lourenzo, no que o Concello de Lousame ten previsto investir 33.500 euros grazas a unha achega da Consellería do Medio Rural. Unha actuación que suporá a repoboación forestal, fundamentalmente con frondosas autóctonas caducifolias, na contorna da capela de San Lourenzo, na parroquia de Tállara.
Teresa Villaverde, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez, explicou que “estamos falando dun lugar único e que ten unha gran potencialidade medioambiental. Estamos convencidos de que San Lourenzo pode ser un exemplo a seguir para outras partes do municipio”. Neste sentido, Villaverde lembrou que a zona pertence á comunidade de montes veciñais en man común de Abeixón e Carantoña, que cedeu o seu uso en favor do Concello de Lousame unha vez realizado o aproveitamento do arborado que vexetaba na zona.
“Retiráronse fundamentalmente piñeiros, acacias e eucaliptos, que agora darán paso a unha vexetación acorde cos obxectivos desta actuación, coa que buscamos mellorar a paisaxe e a contorna da capela de San Lourenzo, ao tempo que facemos unha importante mellora ecolóxica de toda a zona”, apunta Villaverde Pais, quen salienta que “o ano pasado xa fixemos unha actuación importante dende o Concello na contorna do sobreiral, un dos poucos que quedan en Galicia”.
Actuación
A obra aséntase sobre unha ladeira orientada ao leste, con afloramentos rochosos na zona máis alta e máis fértil segundo se descende de cota. A superficie da actuación será de 4,21 hectáreas, xa que nas outras 3 hectáreas existe unha masa de frondosas consolidadas que non require de intervención ningunha. As especies escollidas para a repoboación son: sobreiras, carballlos, cerquiños, castiñeiros, bidueiros, freixos, cerdeiras, abelairas, acrivros, pradairos, pradairos campestres, espiño albar, abruñeiros, roseiras, teixos e piñeiros bravos.
“A especie que se plante será a máis axeitada para cada unha das zonas do monte de San Lourenzo”, puntualizou Teresa Villaverde, quen adianta que “agardamos contar coa participación activa do alumnado do CPI Cernadas de Castro para a plantación. Non podemos agardar moito, porque xogamos coa climatoloxía, polo que os traballos comezarán en breve”.
Melloras
Así mesmo, a alcaldesa de Lousame explicou que “unha vez que estea realizada a plantación, procederemos a facer sendeiros e colocar aquel mobiliario público que nos permitan dende o distrito”. Así mesmo, anunciou que “en San Lourenzo hai dous miradoiros naturais sobre a ría de Arousa e sobre a ría de Muros Noia, polo que temos a intención de adecentar o espazo para que poida ser visitado”. Finalmente, Teresa Villaverde adiantou que “antes de que finalice a lexislatura temos a intención de aprobar a declaración de San Lourenzo como Punto de Interese Local, aínda que teñamos que convocar unha sesión extraordinaria”.