Saturday 16 de November de 2024

A figura de Iván Raña achégase á xente nova de Ordes  grazas ao encontro mantido co estudantado local


Arredor de 180 persoas participaron esta mañá nun acto no que o campión mundial de tríatlon respondeu a todas as preguntas que lle formularon e falou da súa traxectoria e plans de futuro

O estudantado de Ordes tivo esta mañá unha oportunidade única para coñecer de primeira man ao deportista máis importante do seu concello, Iván Raña. Arredor de 180 asistentes encheron o auditorio da Casa da Cultura, para compartir boa parte da mañá co campión mundial de Tríatlon no ano 2002 (Cancún, México). A maior parte deles estudantado dos colexios Castelao e Campomaior, dos institutos Nº1 e Maruxa Mallo, así como membros da Asociación Andaina Prosaúde Mental e do curso de habilidades sociais. Ao acto tamén se sumaron familiares de Iván Raña, así como o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e varios concelleiros da corporación.

Todas e todos puideron ver varios vídeos nos que o triatleta amosou a súa faceta máis deportiva, falando de competicións e adestramentos, pero tamén da máis humana, compartindo as súas debilidades e fortalezas. Ademais, tamén compartiu os seus plans de futuro, manifestando o seu interese por dedicarse á competición automobilística e ao mundo dos rallys.

Pero sen dúbida o momento máis intenso e divertido chegou da man dos nenos e nenas que, durante un bo anaco, non pararon de preguntarlle detalles sobre a súa traxectoria e vida privada.

Organizado polo Departamento de Deportes do Concello de Ordes, o acto estivo conducido polo xornalista José Gerardo Fernández. Ana Soneira, concelleira de Deportes, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento deste encontro, ademais do agradecemento “a Iván Raña pola súa participación e colaboración neste acercamento cun dos máximos exemplos viventes de superación persoal que temos no noso concello. Con isto queremos que as novas xeracións coñezan de primeira man quen é e que fixo Iván Raña, cal é a importancia que ten para todos e todas nós e o orgullo que debemos sentir como pobo de ter un fillo predilecto coma el”.