Friday 22 de November de 2024

A Xunta supervisa as obras da senda Ares-Mugardos nas que a Xunta investiu 1,5m€ para lograr unha estrada máis humana


Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para facer balance dos investimentos da Xunta de Galicia en Ares e Mugardos en 2018

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou hoxe as obras de mellora da estrada AC-130, entre Ares e Mugardos, que permitiran o acondicionamento e a construción dunha senda peonil e ciclista que contou cun investimento de 1,5 millóns de euros. Está previsto que rematen no mes de abril.

Ovidio Rodeiro destacou que o principal obxectivo deste tipo de obras é crear percorridos seguros tanto para as bicicletas como para os peóns e ordenar o tráfico nas zonas máis urbanas da senda para lograr unha estrada máis humana.

Esta obra consiste na construción dunha senda de 3,7 km que conecta os núcleos urbanos de Mugardos e de Ares, partindo e finalizando este itinerario nas proximidades dos colexios existentes en ambos municipios.

O itinerario conta cun ancho de 2,75 metros e con franxa axardinada para separala da estrada e está construída en formigón coloreado nas zonas máis próximas a Ares e Mugardos, o que a fai máis facilmente visible polos vehículos que circulan pola estrada.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, que na comarca de Ferrol recolle a construción de 10 km de novos itinerarios cun investimento de 4 M€. Das sendas previstas, 3 están en servizo, a de Fene e a de Cabanas e agora a de Ares – Mugardos e segue a tramitación doutras dúas, a de Valdoviño e a de Franza-Rinlo, en Mugardos.

O delegado da Xunta explicou que a Xunta está aproveitando os traballos para realizar outras melloras que incrementarán a funcionalidade da estrada e redundarán en maior seguridade dos usuarios. Así, mellorouse o trazado rectificando unha curva, ademais de acondicionar os accesos e cruces no contorno da senda e construír unha glorieta, na entrada de Ares, na intersección coa avenida pola que se accede á praia, na zona do Mazote.

Paralelamente, se están realizando outras pequenas actuacións como unha pasarela de madeira para darlle continuidade á senda sobre un rego existente; unha zona de aparcadoiro en Mugardos, no contorno da escola; e dúas paradas de autobús, unha en Ares e outra en Mugardos.

Balance 2018
Durante a visita a estas obras Ovidio Rodeiro aproveitou para facer balance do importante esforzo inversor da Xunta de Galicia nos concellos de Ares e Mugardos no 2018. Concretamente, destacou que neste dous municipios o goberno autonómico 6,3 M€ en total dos cales 4,4 M€ destináronse a Ares e 1,8 M€ a Mugardos.

Ovidio Rodeiro tamén apuntou que a través do goberno autonómico a maior parte do esforzo inversor realizouno a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cun investimento total en Ares e Mugardos de case 1,8M€, 984.000 euros e 813.000 euros respectivamente. Nesta senso, destacou “o peso que tivo o novo itinerario peonil e o reforzo de firmes”

Igualmente resaltou as aportacións de Política Social máis relevantes como foron oas achegas de axuda a domicilio e do RISGA de máis de 1,2 M€ nos dous concellos. Con estes programas se atenderon en Mugardos 52 usuarios cunha achega de 223.800 euros e en Ares a 95 usuarios con 411.000 euros. No eido sanitario tamén destacou o investimento de 1,7 M€ no centro de saúde de Ares.

Outra das partidas importantes que recibiron estes municipios son os Fondos de Cooperación Local que superan entre ambos concellos os 477.000 euros repartidos entre 228.700 euros para Mugardos e 248.300 euros para Ares. Este fondos se transfiren directamente aos gobernos locais para que fagan un uso non finalista e para que sexan xestionados e tramitados por eles mesmos.

Por último, fixo referencia ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en especial para plans de formación e axudas a pemes e autónomos, xa que a Xunta investiu máis de 464.000 euros en accións para o fomento do emprego e para a dinamización empresarial nestes municipios.