A concelleira de Igualdade, Marisol Villar, agradece “a agarimosa colaboración das súas familias, que nos permitiron traballar para conseguir algo tan fermoso que amosaremos o xoves 7 de marzo”
O Concello de Noia conmemorará o Día Internacional da Muller cunha homenaxe ás dúas primeiras matronas do municipio: Angelita Durán e Pepita “A Pola”. Unha homenaxe que terá lugar na tarde do xoves 7 de marzo no Coliseo Noela, para non coincidir coa programación do Entroido.
A concelleira de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Villar, presentou esta mañá a programación prevista para esa xornada. “Nunha edición anterior homenaxeamos a dona Elena Batalla Tubío, a primeira presidenta da agrupación de profesionais de marisqueo a pé “A Misela”. Este ano homenaxearemos a dúas mulleres emblemáticas desta vila: as dúas primeiras matronas, non só de profesión senón tamén de carreira, algo impensable se nos detemos a pensar que estamos falando de arredor dos anos 40 e 50. Elas son Angelita Durán e Pepita “A Pola”.
Marisol Villar salientou que “foi un gran pracer para min poder contar coas súas familias, as cales agradecemos de antemán a súa agarimosa colaboración e que nos permitiran traballar para conseguir algo fermoso que amosaremos, e non adianto máis, o vindeiro xoves 7 de marzo”.
Programa
A homenaxe terá lugar o xoves 7 de marzo no Coliseo Noela, para non coincidir coa programación de Entroido. O programa dará comezo ás 19:00 horas coa proxección dos 13 vídeos gañadores do III Concurso de Videocreación do Concello de Noia contra a Violencia de Xénero, ao que se presentaron un total de 68 vídeos do alumnado de todos os centros escolares da vila.
Ás 20:30 horas terá lugar a homenaxe a Angelita Durán e Pepita “A Pola”, seguida dunha actuación musical a cargo da soprano noiesa Esperanza Mara. Unha homenaxe organizada pola Concellería de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Noia e o Centro de Información da Muller noiés. A entrada é libre e de balde.