Unha quincena de veciños e veciñas de Lousame participaron esta fin de semana nun curso monográfico de cestaría impartido pola prestixiosa artesá Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía en 2015. Trátase dun dos oito cursos formativos para adultos organizados polo Concello de Lousame dentro do seu programa “Actívate”.
O curso monográfico de cestaría constou de dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde, de dúas horas e media de duración na que os veciños e veciñas de Lousame aprenderon a técnica para elaborar un cesto tradicional de vimbio e mesmo fixeron cadanseu cesto. Iso si, traballaron con outro material orgánico “moito máis manexable e axeitado para as persoas que están empezando, pois trabállase igual co vimbio pero este precisa de máis forza para facer o cesto. É un material axeitado para un curso coma este, de dúas horas”, explicou Idoia Cuesta.
Tras uns inicios complicados, todos os veciños e veciñas presentes colléronlle o punto á técnica polo que na última hora do curso puideron rematar as súas creacións sen problemas. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asistiu á sesión e destacou a importancia “tanto de conservar as nosas tradicións como de que a nosa veciñanza sexa activa e queira facer todo tipo de actividades”. Iso si, lamentou a ausencia de media ducia de persoas que estaban apuntadas e confirmaran asistencia o día anterior “xa que quedou xente en lista de espera que quería facer este curso e non puido”.
Idoia Cuesta é unha creadora téxtil nada no País Vasco e afincada en Outeiro de Rei (Lugo) dende os anos noventa. Aló iniciou a súa actividade artesá vencellada á cestaría e ao téxtil. No 2011 recibiu a Mención Especial do Xurado e no 2015 gañou o Premio Nacional de Artesanía, convocado polo Ministerio de Industria, por adaptar a tradición cesteira ás tendencias actuais para conquistar novos mercados e consumidores.
A próxima semana celebrarase un novo curso monográfico, nesta ocasión de cerámica, que terá lugar en dúas sesións: o sábado 9 de marzo e o sábado 6 de abril, en horario de 11:00 a 14:00 horas. O prezo do curso é de 15 euros, material incluído, e será impartido por Manuel Figueiras, ceramista artesán que ten o seu obradoiro en Muros. Figueiras é un artesá que traballa principalmente co torno, empregando técnicas como o modelado ou as planchas.