As novidades deste ano serán: degustación de chocolate con churros, desfile de adultos e actuación do mago Charly Braun
O Concello de Lousame celebrará este sábado 2 de marzo o seu Festival de Entroido, que terá lugar entre as 17:00 e as 20:00 horas no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Un festival que mantén o modelo probado con éxito en 2016: non haberá Concurso de Disfraces, que pasará a converterse nun Desfile de Disfraces, tal e como explicaron esta mañá os técnicos de Cultura, Eduardo Agraso e María Teresa Baluja.
O técnico de Cultura, Eduardo Agraso, explicou que “queremos premiar a participación, non os cartos que a familia pode gastar nun disfrace. A idea é que sexa unha actividade familiar onde a xente participe e desfrute da festa, escapando dos premios e do concurso”. De feito, unha das novidades será que, ademais de desfile de disfraces infantil, este ano tamén haberá desfile de adultos. Todas as persoas que participen disfrazadas recibirán un agasallo. As inscricións poden realizarse o mesmo día do festival.
Máis xogos e máis degustacións
Os técnicos municipais de Cultura explicaron as novidades da edición deste ano. “Teremos moitas mais cousas, máis actividades e á degustación de orellas e filloas sumaremos este ano un churreiro, que estarán preparando os doces aló mesmo”, apuntou Eduardo Agraso, quen se amosou convencido de superar os máis de 400 nenos e nenas participantes o ano pasado.
Teresa Baluja apuntou que “de 17:00 a 20:00 horas o polideportivo da Silva acollerá sete actividades diferentes: barredora humana, búfalo mecánico, multiarcos, bola de demolición, tobogán pallasos e obradoiros de caroutas e de maquillaxes. Así mesmo, haberá degustación de orellas, filloas e chocolate con churros”.
“Outra das novidades será a actuación do mago Charly Braun, un vello coñecido en Lousame, que irá facendo trucos de maxia de cerca entre todas as persoas que estean desfrutando da festa”, apuntou Eduardo Agraso.