Monday 25 de November de 2024

O titular da Xunta presidiu a apertura do I Foro de Investimento Galicia Emprende


Feijóo destaca que nos dous últimos anos a xunta leva destinado máis de 68 millóns para impulsar o emprendemento emerxente en Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que no que vai de lexislatura o Executivo autonómico leva destinado máis de 68 millóns para impulsar o emprendemento emerxente en Galicia; “68 millóns para financiar máis de 50 proxectos empresariais”, dixo, ao que engadiu que este ano, concretamente, foron 2,3 millóns os que o Igape investiu para este fin, que mobilizaron en total unha contía de 8 millóns.

Nesta mesma liña, e durante a inauguración do I Foro de Investimento Galicia Emprende, Feijóo referiuse a este evento como unha proba máis do compromiso da Xunta, subliñando que as dez empresas galegas que presentan nel os seus proxectos -en ámbitos como a produción agrícola, a biotecnoloxía, as TIC ou a informática-, poñen de manifesto que Galicia pode confiar o crecemento económico ao talento empresarial dos seus emprendedores.

Coa previsión de crear un foro estable, o titular da Executivo autonómico incidiu en que este evento é, en definitiva, “unha oportunidade para achegar a oferta á demanda”.

Consolidar o crecemento: internacionalización, innovación e emprendemento
Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse á internacionalización, á innovación e ao emprendemento como os tres eixos sobre os que consolidar os primeiros síntomas de crecemento da economía galega. “Nelas están as claves para xerar novas posibilidades de futuro, para incrementar a oferta, e tamén para adaptarnos á demanda”, incidiu.

O presidente da Xunta afirmou que Galicia é unha terra cun tecido industrial que xa mira ao exterior e á que lle interesa captar investimentos e financiamento. E, neste sentido, lembrou o esforzo do Goberno autonómico por crear un marco de estabilidade propicio.

Sobre este punto, subliñou que Galicia hoxe é unha Comunidade fiable: mantén baixo control os obxectivos de déficit e é a terceira autonomía con menos déficit acumulado desde 2008; a segunda do Estado que menos aumentou a súa débeda pública; paga aos seus provedores con normalidade; é a única que non quixo acudir aos mecanismos activados polo Goberno central para dotar de liquidez e financiamento as autonomías; “e, grazas a todo isto 2015 será o primeiro ano en que as contas públicas crezan”, aseverou.

No eido económico, salientou que a Comunidade galega rexistra indicadores económicos positivos: logo de bater un récord histórico no ano 2013, en 2014 as exportacións seguen crecendo; Galicia obtivo o terceiro maior saldo comercial de España (un saldo positivo de exportacións sobre importacións); e, no tocante ao PIB, a Comunidade leva cinco trimestres consecutivos crecendo.

En terceiro lugar, Feijóo aseverou que Galicia conta con capacidades acreditadas en sectores estratéxico como no sector da automoción, no que traballan 19.000 persoas; no sector téxtil; e no sector turístico que, nos dez primeiros meses do ano, deixa un máximo histórico de un millón de viaxeiros internacionais aloxados en establecementos galegos.

Así mesmo, referiuse ao sector das novas tecnoloxías, con seis centros tecnolóxicos de referencia; ás potencialidades do sector forestal e agroalimentario; ao sector das enerxías renovables; e ao sector naval, moi castigado como consecuencia do problema do tax-lease pero que, neste momento, ten 1.000 millóns en contratos.

“Falamos pois dunha terra que está a despregar todas as súas capacidades industriais nun escenario de estabilidade, e que ten agora as miras postas en fortalecer e modernizar o seu tecido produtivo. Sabemos que a solvencia das contas públicas axuda pero sen capacidade da industria e sen talento a economía de Galicia non será capaz de mellorar”, subliñou a modo de resumo, ao que engadiu que, desde o primeiro momento a tarefa prioritaria do Goberno galego foi facer desta Comunidade un marco favorable para investir “e, tamén agora todos os nosos esforzos están centrados en apoiar a capacidade de emprendemento”.

Ao fío disto, referiuse á posta en marcha da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega co obxectivo de incrementar o peso das exportacións no PIB ata o 40% de aquí a 2020; ao deseño da Axenda da Competitividade industrial galega, que recolle 60 medidas para modernizar a industria en Galicia e crear 50.000 novos empregos nos vindeiros seis anos; e á aprobación da Lei do emprendemento e a competitividade de Galicia para ampliar nun 60% a taxa de emprendemento. “Estamos situando no emprendemento un dos principais motores de desenvolvemento económico, porque emprender significa buscar oportunidades”, concluíu.