Recibidas catro propostas para xestionar o mantemento destes tres servizos para os que o Goberno municipal xa conta con certificados internacionais UNE-EN-ISO
O Goberno municipal segue adiante co seu compromiso ambiental e ecolóxico e contratará a unha empresa especializada para o servizo conxunto de mantemento dos sistemas de calidade, medio e enerxía, unha iniciativa que contribúe a manter as tres certificacións UNE-EN-ISO logradas polo Concello.
O Servizo Municipal de Medio conseguiu nos últimos anos que, á certificación do seu sistema de xestión ambiental de acordo á norma UNE-EN-ISO 14001:2004, sumáseselle a correspondente á xestión da calidade nas redes de vixilancia ambiental (UNE-EN-ISO9001:2008) e ao sistema de xestión enerxética dos edificios municipais (UNE-EN-ISO 50001:2011).
Para afianzar este compromiso coa mellora continua na xestión ambiental, da calidade e da xestión enerxética, e para cumprir os compromisos adquiridos coa firma da carta de Aalborg e do Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas, o Concello da Coruña, por proposta da Concellaría de Medio que dirixe Enrique Salvador, licitou o servizo de mantemento destes tres sistemas. Cun presuposto de 20.000 euros anuais e un prazo de execución de dous anos, prorrogables por dous máis, ao concurso presentáronse catro propostas, que agora son avaliadas pola Mesa de Contratación.
A contratación deste servizo permitirá manter un sistema de diagnóstico permanente e da documentación necesaria para optimizar e estandarizar todos os procedementos e operacións que implican a estes tres sistemas de xestión (calidade, medio e enerxía); así como a implantación de novos métodos de traballo para alcanzar todos os obxectivos promovidos dende o Goberno municipal.
O último dos tres certificados que logrou o Concello foi o pasado mes de marzo, cando recibiu a certificación UNE-EN-ISO50001:2011 polo sistema de xestión da enerxía implantado ao longo de 2012 e 2013 en 45 edificios municipais, un recoñecemento que referenda a labor a desenvolver por preto de 70 traballadores municipais implicados na correcta utilización dos recursos enerxéticos. Esta normativa internacional desenvolvida pola Organización Internacional para a Estandarización establece os requisitos para os sistemas de xestión de enerxía, permitindo a redución tanto de custos coma de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Grazas a esta norma estandarizáronse todos os procedementos de xestión da enerxía, implicando de xeito transversal o persoal do conxunto das áreas municipais nun proceso que supón a primeira iniciativa desta natureza levado a cabo por un concello en toda España. Entre as medidas desenvolvidas, destaca a creación da figura do xestor enerxético de edificio, de maneira que en cada dependencia se designou unha persoa que se encarga de levar a cabo o seguimento dos consumos e informar de calquera aspecto que puidese resultar significativo dende o punto de vista do aforro e a eficiencia enerxética. Esta acción foi posible grazas ao enorme compromiso e á especial conciencia ambiental dos traballadores municipais.