O alcalde de Ordes informou no pleno desta mes sobre a reunión mantida con Vázquez Almuíña. Entre outras cuestións solicitoulle ampliar as zonas de espera do dito servizo e máis efectivos para o servizo nocturno do PAC
José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, abriu o pleno de febreiro dando conta da xuntanza mantida o pasado día 12 con Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade. Un encontro no que tamén participou Susana García, concelleira de Benestar Social.
Ambos os representantes locais informaron de primeira man sobre a situación no servizo de pediatría do centro médico de Ordes. Dende Sanidade apostan por solucionar a falta de especialistas “atraendo especialistas dende outras comunidades autónomas e Portugal”, ademais das xestións realizadas co Ministerio de Sanidade para “incrementar a formación de máis pediatras”.
Tamén se solicitaron unha serie de obras para mellorar a zona de espera ben ampliando a existente ou ben construíndo un segundo habitáculo. Precisamente esta última opción é pola que se decanta a Consellería segundo os planos e informacións remitidas ao Concello o pasado venres, 15 de febreiro. A idea é que a dita intervención se execute ao longo deste ano. Ademais, Martínez Sanjurjo e Susana García aproveitaron para facer entrega dun estudo sobre as necesidades do servizo de urxencias do PAC de Ordes co fin de que se amplíen os efectivos nos servizos médicos e de DUE nas quendas nocturnas.
O BNG presentou a única moción da sesión e na que se solicitaba a modificación do proxecto para o acondicionamento e reforma do pavillón polideportivo do Mesón do Vento co gallo de dotalo dunha pista elevada mediante barrotes e illada termicamente en vez de instalar pavimento de vinilo tal e como está previsto. A proposta foi rexeitada tanto polo Goberno local como polos non adscritos Roberto González e Luis Gómez Candal tras dar conta do informe técnico avalando a viabilidade e garantindo a efectividade do proxecto presentado inicialmente.