Saturday 16 de November de 2024

Moeche remata a xeira de reparacións de inverno nas pistas municipais


O Concello tamén iniciará nuns días o acondicionamento do aparcadoiro da igrexa de Santa Cruz

 

Durante esta semana completouse a campaña de rebacheos e reparacións puntuais que o Concello leva a cabo habitualmente a principios de ano. Trátase de arranxos puntuais, como é o tapado de fochas, a limpeza de cunetas e a colocación de tubaxes en mal estado coa que se busca alongar a vida de pistas que presentan un bo estado xeral, pero tamén facer intervencións de urxencia naqueloutras que agardan por proxectos de maior envergadura que se contratarán proximamente. En calquera caso, o programa que acaba de levarse a cabo centrouse en 17 pistas repartidas polas catro parroquias do municipio. O investimento total -que o Concello asume con recursos propios- achégase aos 7.400 euros. Do traballo encargouse a empresa José No Mantiñán e Hijos, quen tamén executará dentro duns días o novo aparcadoiro anexo á igrexa de Santa Cruz por un importe moi similar. Esta obra retrasouse ata contar cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio e as autorizacións do Bispado.

No tocante ao programa de rebacheos de inverno, a área de Obras encargou que os tramos se reparasen na maioría dos casos cunha mestura de aglomerado en frío, cos que se corrixiron desperfectos nas pistas de Nogueira, en Santa Cruz; nas de Pedreiras e Pradella, en San Xoán; na de Barbeiras a San Xiao e na de Campos a Río da Vila, en Labacengos; na que vai de Loira á AC-862 e de Xordo á Casanova, en Abade e, por último, a que une os lugares de Felgosa e Castelo, en San Xurxo. Neste paquete tamén se incluiron amaños puntuais no recinto feiral que, xunto coa pista das Pedreiras, será obxecto dunha reparación integral acollida ao POS+.

Ademais de tapar baches, o plan de conservación tamén serviu para reparar con zahorra a vía que vai desde Pradella até o Empalme -San Xoán- e as que unen A Abelleira e O Escolar e A Graña e Lavandeira, ambas en Labacengos. Tres pistas de terra que, coa nova cobertura, melloran considerablemente o seu estado. Traballos todos eles que se completaron coa reposición de tubaxes ou a limpeza de gabias en San Xiao, en Vilapedre e ao pé da igrexa de Labacengos e no lugar de Felgosa, en San Xurxo.

Completan o programa de intervencións inmediatas dúas reparacións de tramos máis longos cunha dobre rega asfáltica: a da pista de Forxao, en San Xoán e, na mesma parroquia, a do eixo que dá acceso ao interior de Balocos desde a DP-4904.

O responsable do departamento de Obras, Magín Lago, comenta que estas obras se encadran “nos traballos de conservación que vimos facendo sempre a principios de ano” cos que se busca “amañar pequenos desperfectos aos que hai que atenderlles antes de que vaian a máis, aínda que antes sempre valoramos se compensa reparar ou facer a pista nova”.

Aparcadoiro en Santa Cruz
En relación co tráfico rodado, o concelleiro tamén informou esta mañá que “nos próximos días” comezará o acondicionamento do aparcadoiro anexo á igrexa de Santa Cruz. Trátase dun proxecto demandado pola veciñanza que levaba agardando varios meses a obter a autorización por parte de Patrimonio.

A área de estacionamento será un rectángulo de aproximadamente 70 por 25 metros paralelo ao muro do adro. Esta superficie -1750 m2 dos arredor de 4.000 que ten leira- terá capacidade para que aparquen e manobren comodamente arredor de medio cento de vehículos. “Nas festas e enterros é habitual que os coches aparquen alí, pero cando chove moito aquilo convértese nunha lameira. Agora imos darlle unha solución parecida á que se utilizou no aparcamento de Abade, botando zahorra compactada e delimitando as prazas con listóns de madeira”, explica Magín Lago.

O investimento neste caso anda preto dos 7.200 euros e, xunto cun novo firme máis resistente, o novo aparcadoiro tamén contará cunha varanda de madeira que delimite o espazo.